A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. Moncho Valcarce: un exemplo de compromiso e loita vivo e actual vinte anos despois do seu pasamento

Moncho Valcarce: un exemplo de compromiso e loita vivo e actual vinte anos despois do seu pasamento

31 de Agosto do 2013

Ofrenda floral

O 31 de agosto, as Encrobas volveron ser o eido no que centos de persoas se congregaron para expresar con orgullo o seu amor á terra. Hai 35 anos, expresárono a través da loita contra a usurpación desa terra pola eléctrica Fenosa. Hoxe, fixérono para homenaxear a un dos artífices daquela resistencia de bágoas e puños erguidos, Moncho Valcarce, no vinte aniversario do seu pasamento. Poesía, música, sentidas palabras pero, sobre todo, a emoción e calor dos amigos e das amigas en cuxos corazóns e memoria aínda latexa Moncho fixéronnos sentir que o seu legado segue vivo e actual.

A homenaxe comezou cunha ofrenda floral a cargo de María Pardo Barbeito, afiliada ao SLG que ten denunciado a contaminación da central térmica de Meirama, e Gumersindo Campaña, membro da Irmandade Moncho Valcarce e amigo do crego das Encrobas. Trala ofrenda, Campaña lembraría a figura dun Moncho Valcarce “bo e xeneroso” que “ben merecería figurar na Santa Compaña dos grandes galegos da alba de gloria que soñou Castelao”. Como non podía ser menos, os recordos tamén recalaron na loita das Encrobas, onde Moncho encabezaba as protestas “despois de ir polas portas para que xente subise ao monte. Estivo nas Encrobas, como estivo despois en Baldaio, en Xove, nas Enchousas e noutras loitas simbólicas do nacionalismo”. Á imaxe dun Moncho Valcarce “comprometido, militante de esquerdas, sindicalista das Comisións Labregas, nacionalista e revolucionario”, Campaña engadiu a do “místico”, como se había descubrir recentemente trala lectura dos seus diarios.

Tras esta introdución, que remataría co Credo Galego -escrito por Bernardo García Cendán e interpretado nesta homenaxe por Mini e Mero-, sumaríanse máis voces nun recital poético para seguir facendo memoria de Moncho a través da palabra como Ramón Vilas, Pilar Pallarés, Manuel Lugrís, Xosé Elías Ramil, Baldomero Iglesias, Domingo Martínez, Vitorino Pérez Prieto ou Luís Liñares.

Despois viría o xantar, ao que tamén se sumou a romaría labrega que -como cada ano- fai o SLG nas Encrobas coa afiliación da comarca, e á que asistiu tamén a secretaria xeral, Isabel Viallba Seivane, e membros da Executiva como Xosé Manuel Calvo Rei. Tralas viandas, continuaría a homenaxe coa intervención do presidente da Irmandade Moncho Valcarce, Ramón Muñíz, e a entrega dos premios en defensa da terra que levan o nome do crego das Encrobas, que este ano recaeron en Manuel Lugrís e no Museo do Pobo Galego. Trala entrega de galardóns, continuou a festa coa música do trío de Xosé Taboada, que tamén estivo presente na homenaxe poética da mañá, as pandereteiras das Encrobas, Lydia Botana “Bolboreta”, César Morán, Paco Campos e A Quenlla.

Asistentes homenaxe Moncho

 

De seguido, compartimos o vídeo da intervención de Gumersindo Campaña, trala ofrenda floral, que remata coa actuación de Mini e Mero:

 

 

undefined

 

 

Por cortesía de Bocixa, compartimos este vídeo onde se poden escoitar os versos de Luís Liñares, ver a entrega de premios Moncho Valcarce a Xusto Beramendi en representación do Museo do Pobo Galego e a Manuel Lugrís, saber da testemuña directa das persoas afectadas polo conflito con Fenosa na voz de María Pardo Barbeito ou rematar coa música tribal e de raíz da Quenlla:

 

 

undefined