O número 299 do noso periódico, o Fouce, vén de imprimirse esta mesma noite. Se queres botarlle unha ollada antes de ter a edición impresa, podes facelo descargándoo en pdf nesta mesma páxina. Dúas cuestións para nós fundamentais enchen varias páxinas, amais da portada: a primeira, a problemática do acaparamento de terras a través de novas de actualidade como os contactos de ContraMINAcción con varios partidos políticos, a denuncia diante da Unesco da minaría salvaxe nos espazos protexidos da provincia de Lugo ou a nova Lei do Solo. A segunda vira ao redor das sementes, un patrimonio dos labregos e labregas dende os albores da humanidade do que agora se queren apropiar varias multinacionais; iniciativas da Vía Campesina como os seminarios de Gaillac ou Zimbawe, ou a Rede Galega de Sementes, están na vangarda da loita contra esta nova tentativa duns poucos que queren facerse co control mundial da alimentación.