A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A PAC e as producións labregas>
  4. O SLG rexeita o acordo dun Plan Estratéxico Estatal da PAC catastrófico para Galiza e esixe máis negociación

O SLG rexeita o acordo dun Plan Estratéxico Estatal da PAC catastrófico para Galiza e esixe máis negociación

20 de Outubro do 2021

esta_PAC_non_se_entende

Diante do previsíbel peche das negociacións sobre a aplicación da próxima Política Agrícola Común no estado español, o Sindicato Labrego Galego quere facer constar que os indicios, na forma dos documentos publicados até o de agora, sinalan con claridade para un Plano Estratéxico mui discriminatorio cara a Galiza.

Este xoves 21 de outubro o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, vaise reunir en Conferencia Sectorial coas comunidades autónomas para “informalas do estado dos traballos de redacción do Plan Estratéxico Nacional da Política Agraria Común e presentarlles o resultado dos grupos de traballo sobre os ecoesquemas”, segundo palabras textuais do Ministerio.

Porén, todo apunta a que será a última xuntanza para tratar este tema e que dela terá que saír un acordo -ou non- sobre a aplicación da PAC no estado español a partir do 2023.

Esta Conferencia Sectorial será por videoconferencia, o que reforza a idea de que a negociación xa chega feita, e a porta pechada. Resulta inaudito que unha reunión deste calado teña lugar oculta á cidadanía, e de costas ao sector agrario e gandeiro. Denunciamos a frivolidade do Ministerio, que pensa dar carpetazo cunha videoconferencia a un Plan Estratéxico que fará a próxima PAC máis discriminatoria e máis inxusta para as labregas e labregos galegos.

Porque os documentos ministeriais sobre a aplicación da futura PAC que se foron coñecendo en setembro, froito das negociacións do ministerio coas comunidades autónomas, evidencian dúas posibilidades: ou o Ministerio non cumpre o que acorda coa Consellaría, ou a Consellaría está a enganar ao sector agrario deste país. Sexa como for, denunciamos o silenzo do Goberno Galego e da Consellería do Medio Rural fronte a este espolio e esixímoslle que abandone a pasividade demostrada ata o momento, realice unha defensa firme dos intereses do agro galego, e se tomen accións contundentes para rexeitar esta PAC nefasta para a xente profesional da agricultura e para o medio rural galego.


Unha PAC con ollos pechados á realidade galega

A aplicación estatal da PAC que agora está por ser selada dá as costas aos sectores galegos: leite e carne de bovino. Canto a viñedo, horta, froiteiras, ovino e cabrún, estas políticas pensadas dende o centro consideran a Galiza insignificante e, polo tanto, nen digna de ser tomada en consideración no desenvolvemento normativo.

Até o de agora, isto parecía responder a unha inclinación xenérica da PAC cara modelos de agricultura e gandería lonxanos á cornixa cantábrica. Mais tamén vemos nos últimos acordos que hai outras rexións de pago, dentro da propia cornixa, con condicións específicas moi vantaxosas das que a Galiza tamén queda excluída. Ningunha das reivindicacións galegas foron adiante, coa única excepción do pago asociado por vaca de leite que, coma sempre, non pasa dunha compensación como territorio polo desastre que supón para o noso país o deseño dos pagamentos por superficie.

Non se trata só do pagamento por hectáreas: nin a definición de agricultor activo, nin o capping, nin o sistema de pago por dereitos históricos, nin a axuda redistributiva, nin o pago por persoa moza....nada se axusta á nosa realidade. Ningún deses ámbitos, que eran susceptíbeis de se deseñar durante este proceso ministerio-consellarías, chegan ao acordo con un modelo que recoñeza a situación real do noso agro. Esta nova reforma deixaranos, novamente, entre as comunidades cos pagos máis pequenos por persoa activa agraria e co maior número de persoas agricultoras a título principal que non cobran PAC.

Desde o Sindicato Labrego Galego temos que insistir na denuncia de que esta PAC, para alén dos titulares con declaracións do conselleiro, é pésima para a Galiza. E que nin no sector lácteo, que temos o leite e as persoas que producen, se decide desde aquí. Xa está ben de pretender adaptar a nosa realidade á forza para a encaixar nos moldes dos demais.