A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A PAC e as producións labregas>
  4. Posturas políticas>
  5. PAC 2020-2027: Que defendemos en Galiza para a inclusión no Plan Estratéxico Estatal?

PAC 2020-2027: Que defendemos en Galiza para a inclusión no Plan Estratéxico Estatal?

7 de Outubro do 2020

PAC

Partindo dunha análise non exhaustiva dos datos dos que dispoñemos, vemos que Galiza ten certas diferenciacións con respecto ao resto do Estado, se pensamos nos pagos actuais da PAC:

a) O descenso de perceptores da PAC en Galiza nos últimos anos foi moi acusada. Non temos analizadas as causas e esperamos que a USC aporte datos sobre isto. Segundo datos do FEGA, no 2013 había 35.871 perceptor@s de pago único (importe de 117,7 millóns de euros) e no ano 2018 houbo 27.117 beneficiari@s de pagos desacoplados por un importe de 111,2 millóns de euros. É dicir, desde o ano 2013 ao ano 2018 desapareceron case o 25% (posiblemente máis) de perceptores e perceptoras da PAC en Galiza e máis de 6 millóns de euros ao ano. Un descenso moi acusado foi na solicitude de pequen@s agricultores no actual período: no ano 2016 , 9.696 perceptor@s; no ano 2018, 5.328 perceptor@s.

b) Segundo os mesmos datos do FEGA, 5.328 beneficiarios/as son por pequenas explotacións (e cobran unha media de 693 euros) e uns 6.000 teñen máis de 65 anos.

c) Afiliad@s ao SETA en Galiza no ano 2019 : 29.013 persoas. Polo tanto, parece que unha parte moi importante das persoas afiliadas ao SETA non teñen axudas da PAC en Galiza. No resto do Estado é ao revés ( 693.807 solicitudes presentadas fronte a 261.772 afiliad@s SETA).

d) Galiza ten os peores datos do Estado Español en canto á perda de afiliad@s ao SETA: -36% do ano 2009 ao 2019. A media do Estado é do -12% e hai comunidades cun saldo positivo.

e) O importe medio de pago básico é menor que a media española ( 2.699,96 euros fronte a 4.011 euros ) e o valor medio dos dereitos é de 187,26 euros, máis baixo que a media do Estado e ca media da UE.

g) O número de explotacións en Galiza que teñen pagos directos por encima dos 60.000 euros é moi pequeno e en moitos casos son explotacións procedentes de fusións de outras explotacións. De feito só existe, no ano 2018 e segundo datos do FEGA, unha explotación en toda Galiza que teña máis de 60.000 euros de pago básico.

h) As axudas acopladas son importantes cuantitativamente para Galiza e para os subsectores bovinos de leite e de carne, fundamentalmente. As axudas acopladas de ovino e cabrún practicamente desapareceron: segundo datos do FEGA, houbo 173 beneficiari@s en ovino e 23 en cabrún para toda Galiza.

i) Entre o ano 1985 e 2005 en Galiza o 43% da superficie agraria cambia de uso. A superficie agraria útil representa menos da cuarta parte da superficie total de Galiza, a metade que na UE. A perda de SAU entre 1985 de 2015 cífrase entre 160.000 e 185.000 has (Eduardo Corbelle e Rafael Crecente). As plantacións de eucalipto e piñeiro pasaron a ocupar 378.718 hectáreas máis de territorio. 150.000 hectáreas plantadas en solos agrícolas nos últimos 30 anos. A porcentaxe de superficie forestal que ten Galiza respecto ao seu territorio (69%) é a mesma que Finlandia e Suecia.

j) Nas explotacións de leite, a autoexplotación do/da titular ou titulares e dos/das asalariados/as é a única forma, moitas veces, de non pechar tendo os prezos máis baixos de todo o Estado e dunha parte de Europa. As OPLs e os contratos lácteos non significaron poder real de negociación nin mellora dos prezos.

k) Segundo os datos do FEGA para 2018, en Galiza só houbo 136 beneficiarios/as da asignación de dereitos de pago básico, cunha superficie media de 5,91 has e un importe medio de 1.591,71 €/ beneficiario/a. Por poñer un exemplo, en Extremadura o importe medio foi de 7.902,58 €/beneficiario/a.

l) Galiza pasou de ser rural e agraria a non ser nin unha cousa nin a outra cun ritmo de destrución do emprego agrario moi acusado nos últimos anos. Proba disto é que nunha boa parte dos concellos rurais a porcentaxe de poboación activa dedicada a actividade agraria é porcentualmente pequena. Ademais, somos deficitarios na produción de todo tipo de alimentos.

m) Temos unha estrutura territorial propia que habería que defender e pagar.

A PROPOSTA DO SINDICATO LABREGO GALEGO

O Sindicato Labrego Galego pensa que só vendo estes poucos datos, deberiamos estar traballando xa para que Galiza teña unha proposta propia e consensuada. O Sindicato Labrego Galego propón para comezar o traballo:

I) Independentemente da negociación final do Marco Financeiro Plurianual da Unión Europea, Galiza ten que manter os fondos porque perdemos perceptor@s, dereitos, hectáreas admisibles,etc. Ter en conta o cofinanciamento nos fondos de Desenvolvemento Rural.

II) Defender a desaparición dos dereitos históricos e do pago por hectárea.

III) Asegurarse de que todas as persoas que se dedican á actividade agraria teñen acceso ás axudas en igualdade de condicións. Analizar quen está fora e corrixir a situación.

IV) Avanzar nun sistema de cálculo baseado nunha compensación á renda para as persoas con independencia da orientación produtiva e en función de determinados parámetros. Estudar a proposta do Goberno de Aragón e avanzar na propia. Habería que cambiar completamente a estrutura dos pagos directos. Dispoñer de “dereitos” para ter pagos é absurdo. A obtención deses dereitos para as persoas mozas ou novas na agricultura e case imposible e as contías son ridículas, polo menos en Galiza coa estrutura territorial que temos. O feito de que o resto dos pagos disociados dependan tamén de que se dispoña de dereitos, unido á dificultade de conseguir eses dereitos e ás características de moitas explotacións galegas, fai que teñamos persoas que se dedican exclusivamente a actividade agraria, moz@s, que cumpren requisitos agroambientais e que non teño acceso aos pagos directos. Isto provoca moita frustración e descrédito destas políticas. A proposta do Sindicato Labrego Galego é traballar en:

  1. Un pago por agricultor/a xenuíno/a a título principal cuns rendementos estimados menores ou iguais á renda de referencia.

  2. Estudar as posibilidades que ofrece o algoritmo de cálculo que elaborou o Gabinete do Conselleiro de Desenvolvemento Rural e sostibilidade do Goberno de Aragón.

  3. A unidade de pago, se necesariamente ten que ser en has, sería a dimensión mínima que se pide para acadar o 35% da renda de referencia nas incorporacións. No caso da dimensión mínima en cabezas de gando, traduciríase en hectáreas. Para as/os agricultoras/es xenuínos/as pluriactivos/as : a dimensións física mínima que se pide para acadar o 15% da renda de referencia.

  4. Para poder cobrar a axuda básica á renda, unha explotación non pode ter máis persoas asalariadas que persoas titulares e debe ser necesario cumprir requisito de residencia no concello ou limítrofes.

  5. Non cobrarían as explotacións sen terra.

  6. En calquera caso, importe mínimo sería o 60% da mediana dos ingresos estatais (calculado co valor de 2017: 8.871 euros) . Para as persoas agricultoras xenuínas pluriactivas: 1/3 do importe.

  7. Ás persoas que inician a súa actividade, durante os cinco primeiros anos e para axudar realmente a súa instalación, incrementarían a axuda en 7.500 euros.

  8. Ás persoas que vivan en zonas de alta montaña incrementarían a súa axuda nun 25% da axuda básica á renda.

V) Asegurar un mínimo relevo xeracional. Co nivel de destrución de explotacións e de afiliacións ao SETA, debería ser unha prioridade. Hai que asegurar, logo, que as axudas para persoas mozas ou doutras idades non só existen nos papeis e que se axustan ás necesidades das persoas. No caso galego, se estamos pedindo determinadas dimensións para as incorporacións porque consideramos que poden ser viables, non pode ser que logo queden fóra das axudas do primeiro piar porque non teñen dimensión suficiente. Cobrar axudas anuais para moz@s do primeiro piar por importe de 50 euros é frustrante. Propoñemos que as persoas mozas que sexan beneficiarias da axuda do segundo piar, cobren de xeito automático á axuda para o inicio de actividade do primeiro piar. Para aquelas persoas que non tiveron axudas para a incorporación, terían que solicitalo cuns requisitos iguais.

VI) O asesoramento para o cambio de modelo é fundamental e ten que ser público e gratuíto. Pódese reverter o desmantelamento das oficinas de extensión agraria.

VIII) O acceso á terra é un grave problema para a maioría das persoas que xa están na agricultura ou a gandería . Para novas incorporacións é case imposible. Debería ser unha prioridade do Plan Estratéxico o aumento de Superficie Agraria Útil en Galiza e propoñer facilidades para o acceso á terra ás persoas que a precisen para producir alimentos para as persoas ou para o gando.

IX) No relativo ao Desenvolvemento Rural, e sen entrar neste momento no deseño das medidas:

  1. Axustar a publicidade ao verdadeiro significado destes fondos: cuantitativamente escasos, non poden por si sós resolver os problemas que aqueixan o noso rural de despoboamento, incendios, abandono da actividade económica e a mingua de todo tipo e servizos de calidade para a poboación. O Estado e a Comunidade Autónoma deberán ter fondos propios se queremos atallar os problemas do rural galego.

  2. Fixarse como prioridades: +Mantemento das persoas que hai neste momento e que se dedican a agricultura e a gandería. Non deberiamos permitir o peche de ningunha explotación máis no noso territorio. +Incremento do número de persoas que se dedican a agricultura e a gandería. +Apoio a diversificación. +Mantemento da superficie agraria útil. Non deberiamos permitir o cambio de uso de ningunha ha máis a superficie forestal ou abandonada. +Incremento do número de hectáreas de superficie agraria útil.

  3. Apoio decidido en medios humanos e materiais para apoiar a transición cara sistemas agroecolóxicos.

  4. Establecemento de topes para as axudas en investimentos para as empresas transformadoras e comercializadoras.

  5. Non apoiar a gandería sen terra.

  6. Innovar no sistema de axudas para as incorporacións á actividade agraria e gandeira.

  7. Impulso decidido a compra pública de produtos locais e aos mercados de proximidade.

X) Considerar no Plan Estratéxico tipos sectoriais de intervención no sector apícola e vitivinícola axustados á realidade galega. O sector vitivinícola beneficiase pouco destas axudas e non están axustadas ás dimensións da maioría dos e das viticultores/as e adegueiros/as galegos/as: para os estándares son “minúsculas” e é dificilmente demostrable a súa viabilidade nas dimensións europeas, pero manteñen a actividade económica en moitas zonas de Galiza, a paisaxe e son un complemento económico doutra actividade agraria ou dun salario por conta allea.

XI) Pechar a posibilidade de abrir tipos sectoriais de intervención a outros sectores cos obxectivos do artigo 59 da actual proposta de Regulamento dos Plans Estratéxicos: para o Sindicato Labrego Galego supón a privatización definitiva do control das producións e da xestión das crises.

XII) Establecer xornadas específicas e xuntanzas para o Regulamento da Organización Común de Mercados, que nunca está presente e é fundamental para todos os sectores galegos. Tal e como se relatou resumidamente no anterior apartado da OCM, as modificacións previstas son pequenas pero, aínda así, afectan moito ao sector vitivinícola, ás Organizacións de Produtores, aos contratos, etc, etc

Logos en faldón