A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Lei de augas>
  5. O SLG esixe a retirada do canon da auga que se lles comezou a cobrar ás explotacións leiteiras xusto cando están inmersas na súa peor crise

O SLG esixe a retirada do canon da auga que se lles comezou a cobrar ás explotacións leiteiras xusto cando están inmersas na súa peor crise

20 de Septembro do 2012

Protestas contra a Lei de Augas

Todas as promesas da Xunta á hora de non cobrarlle o canon da auga ás actividades agrogandeiras ou ás traídas veciñais do rural están resultando ser unha absoluta falsidade. Se en xaneiro de 2012, o SLG denunciaba o cobro do canon a unha traída construída e custeada pola veciñanza en 1968, nunha parroquia de Rois[1]; hoxe temos constancia das primeiras facturas por consumo de auga que lle cargan o canon a unha explotación leiteira de Cardama (Oroso).

Trátase de feitos gravísimos, habida conta de que o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, prometeu ante o Parlamento de Galicia, o 9 de febreiro de 2011, que o canon da auga non se cobraría a pozos e traídas veciñais[2]; mentres que a Xunta asinaba cos sindicatos UUAA e XXAA, o 27 de abril dese mesmo ano, un acordo que seica libraba deste imposto ás explotacións agrogandeiras[3]. Nembargante, casos como o de Rois, co cobro de 499 a sete vivendas por una traída veciñal; ou o máis recente de 78 nun só recibo á sociedade civil Gandería Calvo Varela tamén polo canon da auga (ao ser trimestral o cobro, estariamos a falar dun gasto anual por este concepto superior aos 300 €; achégase recibo con este comunicado); poñen de manifesto que a Xunta de Galicia urdiu unha campaña de desinformación e mentiras para impoñer un imposto sobre un dereito humano básico e fundamental como é a auga.

Dende o Sindicato Labrego Galego, temos criticado e feito unha dura e constante oposición á Lei de Augas e a todo o que ela implica: privatización do ente público Augas de Galicia, cobro polo dereito a beber e usar auga (incluída a do mar e a da choiva), etcétera. A aplicación do canon da auga ás explotacións agrogandeiras, amais de evidenciar a sarta de mentiras da Xunta respecto desta cuestión, vén nun intre no que sectores coma o lácteo están atravesando a peor crise da súa historia, cos prezos en orixe máis baixos da Unión Europea, e co incremento exponencial e desorbitado de todos os custes de produción (gasóleo, butano, electricidade, pensos, cereais e, agora, por se non abondasen os outros, a auga).

Diante de todo isto, o Sindicato Labrego Galego esixe a retirada inmediata do canon da auga, por impoñerlle un novo imposto inútil e innecesario aos sectores agrogandeiros, xusto agora que están nunha situación crítica por mor, precisamente, do aumento dos custes de produción. Se a Xunta pretende realmente amosar o seu apoio aos diversos sectores agrogandeiros e ao medio rural, tal e como ten afirmado en numerosas ocasións, debería comezar por retirar este inxusto trabuco que, sen dúbida, contribuirá ao peche de máis dunha explotación no noso agro. Ademais, dende o SLG seguimos reclamando a derrogación da Lei de Augas de Galicia por privatizar e mercantilizar o dereito a beber e a vivir dos galegos e das galegas.Factura

Ficheiro adxunto