A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Viño>
  5. A adega da Rioxa Ramón Bilbao acapara o 21% das axudas á reestruturación e reconversión do viñedo en Galiza

A adega da Rioxa Ramón Bilbao acapara o 21% das axudas á reestruturación e reconversión do viñedo en Galiza

19 de Xaneiro do 2018

Mar de Frades - Ramón Bilbao

A Consellaría de Medio Rural publicou, o pasado 9 de xaneiro, a listaxe de persoas e empresas beneficiarias das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia de 2017. Dos 726.400 euros que se repartiron entre os 62 plans aprobados, unha adega da Rioxa, Ramón Bilbao, beneficiada con 156.706 euros, quedou co 21% do orzamento.

Se imos ampliando o podio, seguen aparecendo grandes adegas con grandes subvencións. Así, só as cinco primeiras coparon o 60% dos cartos. Ademais de Ramón Bilbao, e por orde: Agrícola Anmar (Martín Códax), con 94.941 €; Terras Gauda, con 61.907 €; Virxe de Galir, con 74.753 €; e González Byass, de Xerez (Cádiz), con 51.115 €. Engadindo as dúas seguintes adegas (Pazo das Tapias, con 27.526 €; e Bodegas Campante, con 27.451), este selecto grupo levaría case o 70% das axudas.

Bernardo Estévez, responsábel do Viño no SLG e pequeno adegueiro no Ribeiro, explica que as axudas á reestruturación están deseñadas para beneficiar grandes adegas e que, por motivo das esixencias, exclúen as pequenas explotacións vitivinícolas. “Moitos viticultores e viticultoras, entre quen me inclúo, que estamos a plantar todos os anos novas viñas de pouca superficie -1.000 metros no meu caso- non pedimos as axudas” explica Bernardo. O motivo é que “as condicións que che impoñen non son rendibles, xa que Medio Rural obrígache a encargar os traballos da nova plantación a unha empresa e non te deixa facelos a ti mesmo, co cal a subvención non dá nin para cubrir o primeiro dia. Ao final quen poden pedir estas axudas son as grandes adegas, que si lles compensa”.

"Medio Rural obrígache a encargar os traballos da nova plantación a unha empresa e non te deixa facelos a ti mesmo, co cal a subvención non dá nin para cubrir o primeiro dia. Ao final quen poden pedir estas axudas son as grandes adegas, que si lles compensa"

A listaxe de beneficiarias das axudas, como xa vimos, non fai máis que ratificar o que denuncia Bernardo Estévez. Ademais, tal e como se fai agora o reparto dos cartos para plantar viñedo novo, estase a favorecer o crecemento das adegas máis grandes que, de seguir así, terán cada vez un maior dominio sobre a produción, os prezos da uva, o mercado e o sector. Pola contra, as regras do xogo que impón Medio Rural condenan os proxectos de menor dimensión a ficar marxinados. É dicir, agora mesmo as políticas de Medio Rural estimulan a concentración do sector vitícola nunhas poucas adegas de grande dimensión apoiadas por grandes capitais, decotío foráneos, por unha banda; e favorecen a desaparición das máis pequenas e do tecido socio-económico que depende delas e que é indispensable para termos un medio rural vivo.

Para Bernardo Estévez “unha vez máis, queda claro cal e o fin da política agraria desta Consellaría: que non quede ni un so labrego nin labrega no rural para, desta maneira, non ter que dar servizos e, por suposto, ser os campións do aforro ante Madrid. Basta con que esas grandes empresas contraten xornaleiros e xornaleiras que non viven no rural para que traballen as súas novas viñas; iso si, con salarios de miseria e xornadas con principio pero sen fin”.

As viñas destruídas pola sarabia e a xeada en 2017, esquecidas e sen un céntimo de axuda

Sorprende, ademais, que a Consellaría de Medio Rural reparta con tanta facilidade centos de miles de euros entre unha poucas adegas grandes e non sexa quen de crear unha partida orzamentaria para apoiar de maneira directa todas as explotacións vitícolas arrasadas pola sarabia e as xeadas en 2017. Estamos a falar de moitas familias viñateiras que viron moi minguadas as súas ganancias, ou mesmo quedaron sen ingresos, situación que sufrirán durante dous anos (os últimos ingresos desas familias que viven só da uva foron pola vendima de 2016 e, se perderon a colleita do ano pasado, volverán ingresar cartos en 2019, se todo vai ben, polo que vendimen neste 2018).

Dende o Sindicato Labrego Galego pedimos, unha vez máis, que a Consellaría de Medio Rural sente a dialogar co sector produtor outras normas do xogo para apoiar, estimular e potenciar a actividade das pequenas adegas familiares, que son as que realmente manteñen persoas vivindo no rural e do rural e as que conservan a esencia da nosa viticultura. E iso pode facelo coas modificacións normativas pertinentes que permitan un reparto máis xusto e equitativo dos cartos públicos de todos e todas á parte máis vulnerable e esquecida do sector produtor.