A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Viño>
  5. Cinco grandes adegas acapararon o 43% das axudas á reestruturación do viñedo na Galiza de 2018

Cinco grandes adegas acapararon o 43% das axudas á reestruturación do viñedo na Galiza de 2018

22 de Xaneiro do 2019

Ramon Bilbao

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba a resolución das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia o pasado 15 de xaneiro. Tras unha primeira análise temos que concluír que, do mesmo xeito que na pasada convocatoria destas subvencións, son as grandes adegas as grandes beneficiadas en detrimento das pequenas e dos viticultores e viticultoras. De novo, A Rioxa levou un bo anaco do pastel.

Desta vez, tocaba repartir unha partida de 668.893 € entre as 59 persoas beneficiarias que superaron os requisitos esixidos. Deses cartos, 46.242 € foron caer de novo a Ramón Bilbao (nas axudas da convocatoria pasada xa levara 156.710 €, acaparando o 21% do orzamento destinado a esa fin en 2017), que este ano acadou o terceiro posto no podio das subvencións máis grandes. Entre as axudas á reestruturación de 2017 e 2018, Ramón Bilbao suma 202.952 €. O grupo Ramón Bilbao ten a Adega Mar de Frades, en Rías Baixas.

Seguiulle, no cuarto posto, a empresa Agrogalir (Adegas CVNE da Rioxa, que mercaron en 2017 Virxe de Galir, da DO Valdeorras), con 44.858 €; esta adega rioxana obtivo, nas axudas de 2017, 74.753 €, polo que nos dous últimos anos suma 119.611 €.

Tamén volveu recibir subvención de Medio Rural González Byass (Xérez, Cádiz), con 8.983 €, cartos que habería que sumar aos 51.115 € que ingresou en 2017 polo mesmo concepto. Todas estas empresas de fóra de Galiza quedaron con case o 16% do orzamento en 2018.

Se analizamos os primeiros cinco postos absolutos de 2018, en primeiro lugar teriamos Lagar de Fornelos (Rías Baixas), con 105.179 €; en segundo, Terras Gauda (51.159 €, despois dunha axuda o ano pasado de 61.907 €); e tras Ramón Bilbao e CVNE, repite tamén no podio Adegas Campante no quinto posto, con 38.320 € (en 2017, levou 27.451). En total, os cinco primeiros beneficiarios das axudas á reestruturación do sector vinícola na Galiza de 2018 suman 285.758 €, que supoñen case o 43% do orzamento destinado a estas axudas.

Os postos do podio móvense se sumamos as axudas acumuladas en 2017 e 2018. Aí, as adegas rioxanas Ramón Bilbao e CVNE (Compañía Vinícola del Norte de España) ocupan sen discusión os dous primeiros postos (ver infografía).

As regras do xogo de Medio Rural favorecen a concentración en poucas mans e o abandono

Dende o Sindicato Labrego Galego xa temos denunciado este reparto inxusto dos fondos públicos que se está a utilizar para concentrar cada vez máis a produción vitícola en menos mans, favorecéndose o crecemento das adegas máis grandes que, de seguir así, terán cada vez un maior dominio sobre a produción, os prezos da uva, o mercado e o sector.

Pola contra, as regras do xogo que impón Medio Rural condenan os proxectos de menor dimensión a ficar marxinados. E unha boa proba son as bases destas subvencións, moi difíciles de cumprir e custear para as pequenas adegas e os viticultores e viticultoras. Por exemplo, a Consellaría de Medio Rural obrígache a encargar os traballos de nova plantación de viñedo, con independencia da superficie da que se trate, a unha empresa, co cal a cativa subvención á que podes aspirar, cobre unha parte ridícula dos gastos. As grandes adegas, pola contra, con persoal técnico en nómina e grandes sumas de capital para investir, téñeno moito máis doado.

Con estas regras do xogo, o abandono no sector vitícola seguirá in crescendo, como até agora, e as grandes empresas do sector acaparando terras e mercados en detrimento dun medio rural vivo con familias traballando e vivindo da terra e na terra.

Reestruturacion viñedo Galiza