A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Viño>
  5. Cecilia Fernández: "Contra os estereotipos no mundo do viño, na miña empresa traballamos tres mulleres"

Cecilia Fernández: "Contra os estereotipos no mundo do viño, na miña empresa traballamos tres mulleres"

1 de Febreiro do 2019

Cecilia Fernández

Cecilia Fernández Rodríguez é valdeorresa de raíz. Se cadra por iso, aínda que se formou como bióloga, acabou entre viñedos. Foi traballando como inspectora do Consello Regulador de Valdeorras cando lle espertou a vocación, hai máis de quince anos. Dende aquela, tivo tempo de licenciarse como enóloga e de traballar para adegas da Rioxa, O Bierzo ou Valdeorras. Iso foi até 2016, cando naceu Icía e decidiu dedicarlle o seu tempo. Ese alto no camiño serviría para mudar de rumbo e abrir unha consultoría enolóxica, profesión que compaxina co traballo nos viñedos familiares xunto ao seu pai e a elaboración de viño para autoconsumo.

Por que decidiches abrir unha consultora de enoloxía en vez de traballar para adegas?

A experiencia profesional traballando para adegas foi moi enriquecedora, e estou moi agradecida por todo o que aprendín. Pero supoño que a todos nos chega un momento na vida, no que necesitamos ter un proxecto persoal, comezar algo propio.

A idea de montar unha consultoría enolóxica xurdiu do coñecemento do sector, da observación das necesidades que existen na zona e de como se podían tratar para darlles solución. En Valdeorras, existen máis laboratorios enolóxicos, de aí que a miña consultoría, buscase ser unha empresa que fose un pouco máis alá.

Así, nos ofrecemos: asesoría enolóxica, laboratorio, viñoteca buscando ter representación dos viños de toda a comarca, sala de catas, organización de presentacións, alugueiro de maquinaria, venda de produtos enolóxicos, alugueiro de espazo para almacén, etcétera.

Non tiveches a tentación de acabar facendo ti a túa propia marca de viño ou de xestionar os teus propios viñedos?

Iso é un tema pendente, para futuro. Agora quero continuar traballando, coñecendo e desfrutando de facer viños.

Cunha adega faría só o meu viño pero, traballando para outros, podo elaborar varios viños cada ano. Iso é moito máis creativo e un maior desafío xa que implica ter que buscar perfís diferentes para cada adega.

Aínda que, hoxe en día, cada vez é maior a presenza feminina no mundo do viño, cando empezaches de seguro que non era así. Segue a ser o do viño un mundo moi masculinizado?

Recordo que, no meu primeiro traballo, estaba de prácticas con outros dous compañeiros. Eu facía traballos na adega e o xerente, ao verme, preguntoulle ao enólogo se eu era válida para ese traballo, dúbidas que non expresou respecto dos meus compañeiros homes.

Continúa a ser un mundo moi masculinizado e, aínda que a presenza feminina vai aumentando, sobre todo en postos técnicos, segue a ser moi minoritaria.

No caso da miña empresa, estamos tratando de romper estereotipos e, agora mesmo, somos tres mulleres. Así e todo, seguimos atopando persoas ás que non lles gusta que unha muller lles diga o que teñen que facer, tanto na viña como na adega, xa que levan toda a vida facendo as cousas ao seu xeito.

Un dos principais problemas da viticultura galega é o abandono e forte envellecemento do sector. Cres que a recuperación de viñedos e a profesión vitícola poderían ser un revulsivo contra a desertización do rural e o desemprego xuvenil?

Por suposto. Dende hai anos, o campo está moi deostado e non ten atractivo para a xente moza. Penso que non se nos inculcou o amor ao traballo e á terra e, por iso, hai tanto desapego por parte das persoas máis novas. É máis, aquelas persoas que queren dedicarse a traballar no campo, son tratadas case de loucas. Para min, son moi valentes.

Polo menos, a día de hoxe, no sector vitivinícola hai máis demanda que oferta de traballo. De feito, coñezo varias adegas que buscan persoal e que non atopan.

Cales son as principais fortalezas do sector vitivinícola galego? E as debilidades? Como potenciarías as primeiras e minimizarías as segundas?

Penso que parte da idiosincrasia do campo galego, en xeral, é unha fortaleza e, ao mesmo tempo, unha debilidade. O minifundio, o terreo fragmentado e a orografía, fan que cada parcela sexa diferente do resto e sexa inimitable. Pero, á súa vez, o reducido tamaño das parcelas aumenta o custe de traballalas, ademais da necesidade de usar maquinaria específica. Isto, ao final, tradúcese en que moitos viticultores opten polo uso de herbicidas.

Que papel poderían desempeñar nisto as denominacións de orixe e como o están a facer?

Polo que vexo, as denominacións de orixe están máis orientadas á promoción e comercialización dos viños que ao traballo sobre a viticultura. Penso que debería haber maior transmisión de coñecementos e comunicación entre viticultores, e isto poderíase facer a través dos consellos reguladores pola proximidade que teñen cos viticultores e viticultoras. Refírome a redes de alarmas para enfermidades ou manexo de vexetación para distintas afectacións. Nos últimos anos sufrimos xeadas, sarabiadas e enfermidades e, en moitos casos, non se sabía como actuar.

Cres que a Xunta está a facer todo o que debe polo sector? Cara a onde deberían camiñar as políticas do sector vitivinícola na Galiza?

Penso que a Xunta ten capacidade para apoiar con maior forza o sector: fomentando o asociacionismo, coa posta en marcha programas de formación de persoal cualificado para tarefas de viticultura que fomente unha maior profesionalización ou dando facilidades a tódolas novas incorporacións a explotacións, e non me refiro só na parte económica, senón tamén con axuda en trámites de documentacións, licenzas, etcétera.

Dende os diferentes organismos dependentes da Xunta lévanse a cabo moitas investigacións no ámbito agrario que despois non teñen a repercusión que deberían sobre os viticultores e viticultoras e outras profesionais agrícolas. Toda esa información producida debe ser de dominio público e relevante para o traballo vitícola. A maiores, a Xunta debería apostar polas oficinas agrarias comarcais para axudar nesa difusión.

Outra das cousas que a Xunta debería mellorar para que o sector vitivinícola funcionase mellor sería abrir o acceso á información do Rexistro Vitícola, ben facéndoo similar á cartografía do Sixpac ou do Catastro, ou ben adaptando a cartografía á do Sixpac. En zonas como Valdeorras, Sixpac e Rexistro Vitícola son moi diferentes e orixinan moitos problemas para o arranque e as plantacións, mesmo a veces para o cambio de titularidades.

Cecilia Fernández