A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Viño>
  5. Demandamos á Consellaría do Medio Rural un Plan de Apoio ao Sector do Viño

Demandamos á Consellaría do Medio Rural un Plan de Apoio ao Sector do Viño

20 de Xullo do 2010

Manuel Docampo Paradelo

O Responsábel do Sector Vitivinícola do SLG, Manuel Docampo Paradelo, presentou esta mañá en rolda de prensa o Plan de Apoio ao Sector do Viño que o Sindicato Labrego Galego solicitou no día de hoxe á Consellaría do Medio Rural mediante o depósito do mesmo no Rexistro Xeral da Xunta de Galiza.

M. Docampo

Manuel Docampo, Responsábel do Sector Vitivinícola no SLG, durante a comparecencia de prensa.

 

O sector vitivinícola galego está a atravesar unha situación delicada debido a distintos factores como a baixada de consumo de viño, a diminución do volume de exportación, unha baixada de prezos, a diminución da produción por motivos climáticos, a subida dos custes de produción, etc.

 

O sector produtor vitivinícola galego traballou arreo nestes últimos anos orientando a produción á calidade, afondando máis na viticultura autóctona reestruturando con castes do país, mudando cara prácticas agrarias máis respectuosas co medio ambiente, ...

 

O sector elaborador, pola súa banda, fixo un grande esforzo en tecnoloxía, en innovación e en comercialización, para o que foron necesarios grandes investimentos.

 

Esta aposta pola modernización, xunto coa viticultura de calidade, posibilitou a mellora substancial dos nosos viños e consecuentemente da imaxe dos viños galegos tanto no mercado interior como exterior.

 

A día de hoxe, o noso modelo de calidade baseado en ligar o viño á terra, á cultura, ás persoas e ás variedades autóctonas, conta cunha estrutura de cinco denominacións de orixe e tres indicacións xeográficas protexidas de viños da terra.

 

 

Dende esta actitude de esforzo realizado polo sector, e diante dos ataques aos que se ve sometido a través da venda irregular de uva e do anuncio da total liberalización do sector por parte da Organización Común do Mercado (OCM) para o 2018, dende o Sindicato Labrego Galego –Comisións Labregas solicitamos da Xunta de Galicia un Plan de Apoio ao Sector do Viño que teña en conta os seguintes aspectos:

 

1 Mellora e mantemento dos acesos ás zonas tradicionais de viñedo de todo o País.

 

2 Facer campañas adecuadas para a promoción do consumo responsable do viño entre xente moza e familias, asociado á gastronomía, tanto no fogar como na hostalería.

 

3 Potenciar o consumo de viño propio fronte ao foráneo, doutras comunidades autónomas, comunitario ou de países terceiros. Comezando polos cursos de cata financiados con cartos públicos, e valorando a oferta de viños propios nas axudas á hostalaría e ao comercio.

 

4 Axudar a manter e potenciar a cultura do viño tanto no referente ao patrimonio material -socalcos e muras; covas, adegas e outras instalacións tradicionais-, como ao patrimonio inmaterial axudando á publicación e difusión da cultura do viño, e das nosas ribeiras.

 

5 Elaborar e difundir un vocabulario propio para as xentes que traballamos no sector do viño, tamén para investigadores/as, hostaleiros/as e catadores/as. Partindo da investigación de todas as variantes que existen no idioma galego na nosa extensa cultura vitivinícola milenaria.

 

6 Elaborar e difundir metodoloxías propias para a cata e posta en valor dos nosos viños, baseada nas peculiaridades dos nosos solos, climas, variedades e practicas culturais. Para dotar ao consumidor e consumidora galega de ferramentas para apreciar mellor as calidades propias.

 

7 Poñer medios para impedir a entrada de uvas de fora de Galiza de xeito irregular, tanto para o autoconsumo (as “uvas do camión”) como para a elaboración.

 

8 Perseguir a venta de viño sen etiquetar, que normalmente véndese como “viño da casa”, nalgúns negocios de hostalaría.

 

9 Que a Xunta de Galicia traballe politicamente para continuar con medidas de regulación de mercado e parar a liberalización total das plantacións prevista na OCM vitícola comunitaria, medidas que de implantarse serán moi lesivas para o noso modelo de vitivinicultura.

 

10 Tomar medidas para impedir que Galiza perda dereitos de plantación, e consecuentemente capacidade de producir, ben por venda a outras comunidades ou ben por abandonos sen solicitar arranque de viñedos.

 

11 Que a Consellería do Medio Rural impulse e faga de mediadora para normalizar os contratos homologados para as castes que reporten prezos dignos e estabilidade en todas as denominacións de orixe.

 

 

 

Ficheiro para descarregar:

Problemática de venda irregular de viño foráneo.

Ficheiro adxunto