A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Viño>
  5. O grupo de traballo do Viño na Coordenadora Europea Vía Campesina fai súas as directrices propostas polo SLG para o sector

O grupo de traballo do Viño na Coordenadora Europea Vía Campesina fai súas as directrices propostas polo SLG para o sector

26 de Outubro do 2010

Panfleto OCM viño

O pasado 19 de outubro, o responsábel do sector do viño do Sindicato Labrego, Manuel Docampo, participou no encontro sectorial que a Coordenadora Europea da Vía Campesina celebrou en Bruxelas. Nesta xuntanza, o SLG presentou unha postura para facer fronte aos retos do sector vitivinícola a defender nos diversos foros e institucións comunitarias.

 

Así, e a falla dunha avaliación das medidas de regulación de mercado por parte da Comisión Europea, e sen saber a especificidade das medidas futuras que pretende articular o Comisario de Agricultura, as organizacións integradas na Vía Campesina desenvolverán a proposta de mínimos presentada polo SLG que, a continuación, se expón de maneira resumida:

 

  1. Que a partir do ano 2013, o sector do viño siga contando cunha organización común de mercado (OCM) específica.
  2. Que os estados sigan mantendo a regulación e o control da produción, pero non só dentro das denominacións de orixe (DO) ou Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP). As organizacións da Vía Campesina manifestáronse en contra de que sexan as interprofesionais e/ou os órganos de xestión da procedencia e calidade específica (DO e IXP) quen se encarguen desta regulación e control.
  3. Negociación colectiva dos prezos das uvas entre os sindicatos agrarios representativos e as empresas elaboradoras. Estas negociacións deben darse no marco das interprofesionais ou mesas sectoriais da comarca e/ou comunidade autónoma, coa posibilidade de formalizar contratos homologados.
  4. Campañas de difusión e promoción da Cultura do Viño dentro da Unión Europea (UE), asumidas dende a Comisión Europea e os propios estados.
  5. Axudas á promoción do consumo responsable de viño dentro da UE.
  6. Dar prioridade á produción labrega a pequena e mediana escala, fronte á produción industrial, dentro da UE. Este será un mecanismo eficaz de loita contra o paro e a crise económica, e freará o despoboamento do rural. En definitiva, apoiar o modelo social de viticultura fronte ao modelo industrial.
  7. Defensa dos instrumentos de calidade diferenciada e de procedencia (DO e IXP) como están, sempre ligados ao territorio, a practicas culturais específicas, ás variedades autóctonas, etcétera. A Coordenadora Europea da Vía Campesina e o SLG están en contra de indicacións xeográficas de ámbitos non ligados ás especificidades das uvas dos viños resultantes.
  8. Crear un regulamento específico para os viños ecolóxicos (bio), que sexa restritivo en canto a prácticas enolóxicas e ao sulfuroso.

 

Docampo manifestación OCM