A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Viño>
  5. O SLG renovou no Congreso do Viño a súa aposta por unha viticultura social e de calidade

O SLG renovou no Congreso do Viño a súa aposta por unha viticultura social e de calidade

30 de Xaneiro do 2011

Manuel Docampo

O Sindicato Labrego Galego celebrou, o 29 de xaneiro en Ribadavia (Ourense), o seu Congreso do Viño para definir as bases do seu traballo para os vindeiros catro anos e, a maiores, para elixir ao novo responsábel e Dirección Nacional do sector. Respecto disto último, saíu reelixido Manuel Docampo, viticultor de Valdeorras que desempeñou esta responsabilidade durante os últimos catro anos. Xunto a el, a Dirección Nacional do Viño do SLG escolleu como vicerresponsábel a unha viticultora do Salnés: Elisa Buceta Domínguez.

En canto á propia Dirección do Viño, foi escollida pola afiliación nas asembleas locais que precederon ao congreso. Intégrana as seguintes persoas:

  • Lugo: Primitivo Lareu López, Ángeles Vázquez Noguerol e Álvaro Rodríguez González
  • O Condado: Liliana Claro González, Patricia Novoa Torres, Juan José Pérez Martínez e Francisco Javier Martínez Gómez.
  • Salnés: Elisa Buceta Domínguez e Benigno Barral Güimil.
  • O Rosal: Raquel Lomba González, María do Carme Miranda Pulido, Venancio Crusat Lorenzo e Ramón Verde Rodríguez.
  • Monterrei: Francisco Pérez Diéguez e Antón Alonso Rodríguez.
  • O Ribeiro: Bernardo Estévez Vilar, Antonio Míguez Amil e Avelina Cougil Diéguez.
  • Valdeorras: Manuel Docampo Paradelo, María Ángeles Pérez Pato, Cristina Dafos Gómez e Antonio García Fernández.

Se houbese que resumir nunha soa frase as directrices programáticas aprobadas pola afiliación do SLG para o sector do viño, esta sería a aposta firme por “unha vitivinicultura social, ligada ás persoas, á terra, ás nosas variedades autóctonas e a unha cultura milenaria como sustentadoras do sector”.

No Congreso fíxose fincapé, precisamente, en defender esa viticultura social ligada ás persoas, xa que “este é o único modelo que traballa no sentido da boa calidade diferenciada, onde os viticultores e viticultoras son peza fundamental para proporcionar uvas de calidade, imprescindibles para conseguir un bo viño. Este modelo social fixa poboación activa no rural, que actúa como mantedora do medio”. Esta vitivinicultura de calidade contraponse a outra practicada por grandes empresas de corte industrial “cunha estratexia depredadora, que tenta rematar cos pequenos e medianos produtores e produtoras”.

Unha das principais reivindicacións do Sindicato Labrego para defender este modelo de viticultura é a necesidade de que se manteñan uns prezos mínimos para a uva que cubran todos os custes de produción, un salario digno, e dea estabilidade no tempo ás explotacións. Neste senso, os textos aprobados no Congreso do Viño do SLG defenden a existencia de contratos homologados, pois “obrigan e dan estabilidade, por varios anos, á parte produtora e ás adegas que os asinan e serven como referencia de prezo ao resto do sector”. Nembargante, a realidade é que este tipo de contratos, impulsados pola anterior Consellaría de Medio Rural, non son aínda a tónica dominante no sector: En Rías Baixas e no Ribeiro comercialízanse con contrato o 50 % das uvas amparadas, cantidade que baixa ao 20% en Valdeorras. Na Ribeira Sacra, este ano non houbo contratos, do mesmo xeito que en Monterrei, onde nunca chegou a habelos.

Outra das apostas do sector do viño do SLG ten que ver coa calidade. Precisamente, apostouse por “un modelo de viticultura de calidade dentro das denominacións de orixe e das tres indicacións xeográficas protexidas, pero tamén na viticultura non amparada por estas figuras”. 

 

  • Non á incineradora no Ribeiro

 

Non faltou a crítica política neste congreso. Foron numerosas as voces que se queixaron da excesiva burocracia e esixencias sanitarias que, de cotío, supoñen un grande atranco para as pequenas e medianas explotacións. A isto habería que engadir as queixas polas numerosas infraestruturas e obras prometidas para o sector, sobre todo en períodos electorais, que nunca se levan a cabo; e o reparto inxusto das axudas públicas que, habitualmente, acaban no meirande en mans de grandes proxectos adegueiros de tipo industrial, deixando sen cartos ao resto do sector que é o que máis necesita as subvencións.

No eido local, a afiliación do SLG acordou oporse á construción dunha incineradora de lixo no Ribeiro polo enorme impacto contaminante que pode ter sobre unha denominación de orixe que, nos últimos anos, estaba a recuperar o prestixio perdido.

Clausurou o congreso a secretaria xeral do SLG, Carme Freire, que animou aos e ás asistentes a manter o espírito participativo e de debate demostrado ao longo das asembleas que precederon a este congreso como elemento diferenciador desta organización sindical.

Lolo

Elisa Buceta

Dirección Nacional do Viño

Manuel Docampo

Congreso do Viño