Despois do anuncio da Consellaría de Medio Rural de impoñer novas sancións na denominación de orixe Rías Baixas polos excesos de rendementos, referentes á pasada colleita 2010, no Sindicato Labrego Galego manifestámonos contrarios á aplicación destas sancións. Así llo fixemos saber, en relación ás sancións da campaña 2009, tanto ao órgano de control da denominación de orixe, como ao presidente do consello regulador e á propia Consellaría de Medio Rural.
O Sindicato Labrego Galego remitiulle a estes tres organismos unha comunicación na que facían constar varias irregularidades que deberían ser solucionadas antes de proceder a sancionar por excesos. Trátase de irregularidades atribuíbles a deficiencias que son responsabilidade tanto do órgano de control, como do consello regulador e da Consellería de Medio Rural; irregularidades que, no meirande dos casos, poderían ser o motivo polo que existe exceso de rendementos.
As irregularidades denunciadas polo Sindicato Labrego Galego nos controis da denominación de orixe Rías Baixas son as seguintes:
- O censo vitícola que manexa a Consellería de Medio Rural non se corresponde co censo vitícola que manexa o consello regulador, que á súa vez non coincide co catastro de rústica.
- Cada viticultor e viticultora ten unha tarxeta electrónica que, de facer un bo uso dela, non debería permitir a entrada en bodega de un quilogramo máis de uvas do que ten asignado cada titular. Ademais, a tarxeta debería estar en poder do seu titular e este debería ter que identificarse co DNI cada vez que deixa as súas uvas nunha adega. Sen embargo, a realidade é que o órgano de control permite, de xeito irregular, que sexa a adega quen teña as tarxetas depositadas o tempo que dure a vendima.
- O consello regulador debería facer un control en campo previo á vendima, co fin de velar pola calidade e determinar cales son as parcelas que poden ter un exceso, cal é o motivo deste exceso, e facer recomendacións previamente; en lugar de propoñer sancións a posteriori e sen facer nada para prever a situación.
Estes desaxustes que denunciamos non son atribuíbles aos viticultores e viticultoras, polo que no Sindicato Labrego Galego non imos permitir que paguen os produtores e produtoras polo mal funcionamento da administración e do consello regulador de Rías Baixas.En caso de manterse as sancións, o Sindicato Labrego Galego non desbota a vía xudicial para defender os intereses dos viticultores e viticultoras de Rías Baixas.