A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Viño>
  5. O Sindicato Labrego Galego non permitirá a baixada dos prezos en Rías Baixas nin que se deixe de recoller uva de calidade

O Sindicato Labrego Galego non permitirá a baixada dos prezos en Rías Baixas nin que se deixe de recoller uva de calidade

24 de Agosto do 2011

Uvas

Nos últimos días, algunhas adegas da denominación de orixe Rías Baixas comunicáronse  cos viticultores e viticultoras que lles subministran para avisarlles de que non lles recollerán toda a uva.   Para o Sindicato Labrego Galego, estas comunicacións atentan contra o dereito a unhas relacións comerciais xustas e contra o dereito dos viticultores e viticultoras a vivir do seu traballo; e evidencian a intención de algunhas adegas de abaratar o prezo das uvas que mercan para maximizar os seus beneficios, sempre a costa do sector produtor.

Diante deste tipo de prácticas, o Sindicato Labrego Galego anuncia que non permitirá que as adegas paguen por baixo dos prezos mínimos marcados polo contrato homologado, que deben servir de valor de referencia para todas as uvas amparadas na denominación de orixe, con independencia de que asinasen contrato ou non.

Ademais, o SLG velará para que se recolla toda a uva de calidade que saia das parcelas que subministran habitualmente a estas adegas e que non supoña un excedente con respecto aos rendementos fixados polo consello regulador para esta campaña.

En caso de que as adegas deixen de recoller uva, ou a paguen por baixo dos prezos de referencia, o Sindicato Labrego Galego porá en marcha medidas legais contra elas por incumprimento de contrato; amais de organizar mobilizacións e campañas de denuncia sinalando ante a sociedade a aquelas marcas de viño que agachan trala súa etiqueta abusos ao sector produtor ou prácticas destrutoras da harmonía das relacións comerciais na DO Rías Baixas.

O SLG non permitirá prácticas empresariais abusivas. A suba puntual dos rendementos en Rías Baixas non pode levar aparellada unha baixada do prezo da uva, nin un segundo prezo inferior ao de referencia, nunha denominación de orixe ben introducida no mercado e que non acumula excedentes de campañas anteriores.

Por todo isto, o Sindicato Labrego Galego fai un chamamento a todos os viticultores e a todas as viticultoras da DO Rías Baixas para que non cedan á presión de algunhas empresas e non entreguen uvas por baixo do prezo mínimo de contrato.