A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Viño>
  5. Asemblea aberta en Ribadumia para viticultores e viticultoras afectad@s polos pagarés sen fondos das adegas

Asemblea aberta en Ribadumia para viticultores e viticultoras afectad@s polos pagarés sen fondos das adegas

8 de Febreiro do 2013

Rias Baixas

O Sindicato Labrego Galego celebrará hoxe, venres 8 de febreiro, unha asemblea aberta a todas as persoas afectadas polos pagarés sen fondos que varias adegas de Rías Baixas deron en pago pola vendima de 2011. A xuntanza terá lugar na Casa de Cultura de Barrantes, en Ribadumia, a partir das 19:00 horas, e a ela asistirán a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane; a responsable comarcal do SLG, Belén Torres Alonso; e o avogado Ramón Barreiro Carnota.

 

Nesta asemblea, analizarase a evolución que tivo este problema nas últimas semanas e as accións a empreder para que a Xunta de Galicia, o Consello Regulador e as adegas implicadas ofrezan solucións efectivas e inmediatas que permitan aos viticultores e ás viticultoras ingresar os cartos obtidos polo seu traballo. Para o SLG, resulta inadmisible que as persoas afectadas polos impagos leven máis dun ano sen cobrar a vendima de 2011; padezan o agravio económico e moral de que lles retiren das súas contas bancarias persoais os cartos adiantados polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape); e sigan sen ter unha resposta ás súas demandas por parte da Xunta de Galicia, do Consello Regulador de Rías Baixas ou das propias adegas morosas, despois de que o Sindicato Labrego Galego lles comunicase esta problemática e lles reclamase unha saída á mesma a uns e outros.