A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Viño>
  5. O SLG irá á vía xudicial se fracasan o acto de conciliación e a arbitraxe da Xunta nos impagos de Rías Baixas

O SLG irá á vía xudicial se fracasan o acto de conciliación e a arbitraxe da Xunta nos impagos de Rías Baixas

5 de Abril do 2013

Uvas

Grazas á campaña de denuncia do Sindicato Labrego Galego, a comisión de seguimento dos contratos na D.O. Rías Baixas reuniuse o 4 de abril para tratar os impagos da vendima de 2011 por parte de adegas como Gran Bazán, Núñez Andión, Lagar da Condesa ou Sucesores de Benito Santos.

Esta comisión de seguimento saldouse coa convocatoria dun acto de conciliación, previsto para a primeira semana de maio, entre a adega Sucesores de Benito Santos e oito viticultores que se atreveron a denunciala. Nos contratos asinados naquela vendima de 2011 había unha cláusula que obrigaba, en caso de incumprimento, a pasar por un acto de conciliación e, en caso de fracasar este, pola arbitraxe da Xunta, antes de acudir á vía xudicial.

Cómpre lembrar que hai tres adegas morosas a maiores e que os viticultores e viticultoras afectados e afectadas polos impagos se contan por centos, e que moita xente que vendeu a uva non asinou contrato. O representante do SLG nesta comisión de seguimento, Salvador Fernández, explica que "moitas das persoas afectadas temen represalias se denuncian o seu caso" e agarda que a acción emprendida polos oito viticultores que si se atreveron a denunciar sirva de exemplo para animar ao resto e presentar unha reclamación formal, paso imprescindible para forzar un acto de conciliación.

Polo demais, dende o Sindicato Labrego Galego agardamos que as adegas entren en razón e acepten pagar a uva que mercaron en 2011 nos actos de conciliación que se produzan. En caso de que este e a arbitraxe non prosperen, os servizos xurídicos do Sindicato Labrego Galego prestarán apoio e asesoramento aos viticultores e viticultoras afectados/as polos impagos. Neste senso, cómpre lembrar que a nova Lei da Cadea Alimentaria, aprobada polo Consello de Ministros o 9 de febreiro e agora en trámite parlamentario, tipifica como falta moi grave “o incumprimento de prazos de pago nas operacións comerciais de produtos alimentarios”, con sancións aos infractores que van dos 3.001 aos 100.000 euros. Para o SLG, esta lei senta un precedente que obrigará ás adegas de Rías Baixas a abolir unha práctica comercial a todas luces abusiva, como é pagar a uva un ano e pico despois de ser vendimada e vendida.