Esta semana entramos na recta final das eleccións a consellos reguladores, que se celebrarán o domingo 3 de xuño. O Sindicato Labrego Galego tentou chegar a consensos con outras organizacións agrarias de cara a facer listas conxuntas, sempre e cando defendesen as mesmas liñas e propostas sindicais. Desta vez, acadamos ese consenso en boa parte dos consellos reguladores e só ficaron catro do sector vitivinícola sen acordo: Monterrei, O Ribeiro, Rías Baixas e Valdeorras. De seguido, damos un repaso ás nosas candidaturas nestas denominacións de orixe e expoñemos as propostas do SLG para o sector vitivinícola, sempre baseadas na defensa da calidade e da agricultura familiar.
A Mesa do Viño da D.O. Rías Baixas, que se celebrou o 3 de maio en Pontevedra, rematou sen acordo de contrato e coas negociacións rotas debido á postura pechada que mantiveron o sector industrial e a Asociación Galega de Viticultura (AGV), entidade vinculada á Federación Rural Galega (Fruga).
O Sindicato Labrego Galego quere desmentir certas informacións publicadas por medios de comunicación nas que se anunciou un acordo, ou preacordo, na denominación de orixe Rías Baixas de cara a fixar os prezos da uva e as condicións de compravenda para os vindeiros tres anos.