A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Horta, Froita e Flor>
  5. O Sindicato Labrego impulsa un estudo pioneiro sobre o efecto dos agrotóxicos na saúde

O Sindicato Labrego impulsa un estudo pioneiro sobre o efecto dos agrotóxicos na saúde

30 de Marzo do 2007

Pesticida

O Sindicato Labrego Galego, en colaboración coa Consellería de Traballo, vai realizar un estudo acerca do efecto da aplicación de pesticidas e o seu impacto na saúde dos traballadores e traballadoras de floricultura e horta ao longo do ano 2007. Trátase dun estudo pioneiro a nivel do Estado español e ten como obxectivo determinar se os fitosanitarios están a afectar realmente, ou non, á saúde dos agricultores e das agricultoras da Galiza; e se os métodos de aplicación, de protección e hábitos na manipulación de agroquímicos, están a ser os máis axeitados, xa que existe un déficit de información obxectiva neste eido que impide realizar un diagnóstico acertado da situación.

No ano 2006, realizouse un estudo de semellantes características na bisbarra da Coruña, con bos resultados en canto a participación e satisfacción dos afiliados e afiliadas; neste particular, houbo casos individuais que deron resultados moi positivos na súa evolución entre as dúas analíticas realizadas, aínda que para sacar conclusións a nivel xeral é importante a continuidade ao longo dos anos e aumentar o tamaño da mostra.

O estudo consiste na realización de dúas analíticas de sangue e ouriños por persoa, nas que se analizarán os niveis da Acetil-Colinesterasa, unha encima que intervén no proceso dos impulsos nerviosos, e cuxo nivel é inversamente proporcional á cantidade de residuos de pesticidas no organismo humano.

Ademais, realizarase un recoñecemento médico completo e un conxunto de recomendacións por parte do persoal médico do Centro de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría de Traballo.

O traballo completarase con enquisas entre os labregos e as labregas que usan métodos, equipos de protección e hábitos na aplicación de tratamentos. Tamén se realizarán medicións ambientais, en parcelas onde se sulfatou, para determinar os niveis de pesticidas no ambiente e definir o tempo de espera necesario para volver a entrar nas parcelas sen correr riscos para a saúde.

É importante que participe o maior número de persoas neste estudo, xa que así o resultado será máis representativo. A xente interesada deberá apuntarse nos locais do SLG.