A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Horta, Froita e Flor>
  5. A nova Dirección de Horta, Froita e Flor do SLG mantén o compromiso de defender o futuro do sector a través de prezos xustos e estables

A nova Dirección de Horta, Froita e Flor do SLG mantén o compromiso de defender o futuro do sector a través de prezos xustos e estables

3 de Abril do 2011

Dirección de Horta

O Sindicato Labrego Galego celebrou, o 3 de abril, o seu Congreso de Horta, Froita e Flor no convento franciscano de Herbón (Padrón) no que, amais de renovar responsábel e directiva para o sector, reafirmouse, tamén, na defensa das explotacións labregas e familiares que seguen a traballar neste sector.


A nova Dirección Nacional de Horta, Froita e Flor do SLG, que se elixiu hoxe de maneira asemblearia, estará coordinada por un labrego de Vedra, Miguel Méndez, como responsábel; e Belén Fervenza, de Redondela, como vicerresponsábel.

Na análise feita do sector hortofrutícola galego denunciouse a grave crise vivida nos últimos anos, caracterizada por uns prezos estancados que, en moitos casos, non chegan nin a cubrir os custes de produción. A isto habería que engadir hándicaps como un asociacionismo moi pouco desenvolvido e a inexistencia de estruturas comerciais fortes. Ademais, o sector arrastra outros problemas como as marxes abusivas da distribución (superiores ao 100% en moitos produtos), o aumento constante das importacións que fai que a práctica totalidade da froita consumida na Galiza veña de fóra, e a preponderancia dun modelo de produción intensivo que provoca a dependencia tecnolóxica do sector (sementes, fitosanitarios, plantas, adubos,etcétera) e serios problemas medioambientais e na saúde dos labregos e das labregas.

Fronte a isto, denunciouse que as políticas impulsadas pola Administración van contra os intereses do sector, que favorecen a concentración do consumo nas grandes áreas comerciais e fan case imposible poder mercar hortalizas e froita fresca procedentes das explotacións locais. A isto hai que engadir que a Xunta de Galicia non existe á hora de ofrecer asesoramento ás explotacións e que está impulsando leis que atentan contra os intereses do sector, como as Directrices de Ordenación do Territorio ou a Lei de Augas.

En canto ao sector da flor, os problemas son semellantes: prezos baixos; aumento das importacións de terceiros países con man de obra barata, sen dereitos laborais e sen garantías sanitarias; dependencia total da tecnoloxía estranxeira; modelo produtivo baseado na aplicación masiva de pesticidas cos conseguintes riscos para labregos e labregas; e perda de confianza na actividade cooperativa como vía para a comercialización.

Diante de todo isto, o Congreso de Horta, Froita e Flor do SLG acordou unha serie de medidas que a Dirección elixida hoxe terá quie defender durante os vindeiros catro anos de cara a solucionar as problemáticas do sector. As principais son:

  • Demandar unha mesa de prezos, na que se fixe prezo mínimo para cada produto.

  • Demandar unha axuda para as explotacións de horta, flor e froita, cun máximo por activo de 6.000 euros -contando como activos as persoas cotitulares da explotación-, e cun maximo dunha persoa traballadora por conta allea.

  • Demandar políticas que apoien e promocionen o consumo de froitas e hortalizas producidas no noso país.

  • Eliminar as prácticas fraudulentas da distribución no etiquetado (produtos de föra etiquetados coma se fosen do país).

  • Investigación, control e publicidade das marxes comerciais.

  • Asesoramento público e plans para reducir os custes de produción e comercialización das explotacións.

  • Derrogación da Lei de Augas / Eliminación ou modificación das Directrices de Ordenación do Territorio.

  • Promoción de sementes e variedades hortofrutícolas adaptadas ás nosas condicións edafoclimáticas, dando prioridade ás variedades locais.

  • Control público dos residuos tóxicos nos mercados finais e programa de seguimento de aplicación dos pesticidas para determinar os riscos reais a que están sometidos labregos e labregas. / Promoción dun modelo de produción sostible e responsable.

  • Apoio ás canles curtas de comercialización (mercados locais, prazas de abastos, pequeno comercio, restauración, comedores colectivos e públicos, etcétera).

 

Horta 1

Horta 2

Horta 3