A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Horta, Froita e Flor>
  5. O SLG pide medidas para paliar os graves danos dos temporais de Nadal nas explotacións

O SLG pide medidas para paliar os graves danos dos temporais de Nadal nas explotacións

8 de Xaneiro do 2014

Invernadoiro

O Sindicato Labrego Galego solicitoulle á Consellería de Medio Rural que se habilite, con carácter de urxencia, un plano para avaliar e, posteriormente, paliar os fortes danos nas explotacións agrarias e gandeiras ocasionados pola chuvia e polo vento dos temporais que chegaron a Galiza neste Nadal.

As fortes refachos de vento, que chegaron aos 185 km/hora en ocasións, produciron graves danos nas estruturas dos invernadoiros, en cubertas de naves agrícolas e gandeiras, así como en diferentes infraestruturas. Ademais, as chuvias, con rexistros de máis de 139 litros/m², tamén orixinaron graves danos nos cultivos, asolagamentos de explotacións, arrastres de terras... A todo isto, aínda habería que engadir os danos ocasionados por cortes prologados de subministro eléctrico en moitas comarcas.

Os numerosos exemplos que estes días se están a comunicar nas oficinas do Sindicato Labrego evidencian a gran magnitude do problema, polo que, dende o SLG, solicitámoslle á Consellería do Medio Rural que se habiliten de inmediato medidas de apoio ás explotacións afectadas.

Hai que ter en conta que no sector da horta, un dos máis danados polos temporais, hai unha problemática xeral coa falta de adaptación dos seguros agrarios á realidade das explotacións galegas, o que fai que moitas non teñan ningunha póliza ou cobertura para este tipo de danos. Tendo en conta que no ano 2013 xa as condicións meteorolóxicas ocasionaron inicialmente fortes atrasos nas colleitas e, despois, perdas acumuladas ao longo do ano, danos deste calibre nos invernadoiros e nas explotacións poden supoñer o peche de moitas explotacións de non tomarse as medidas oportunas.

Miguel Méndez de Vedra, cun invernadoiro arrasado e fortes danos en toda a explotación, ou Carmen Jamardo, da parroquia de Frades (A Estrada) con outro invernadoiro enteiro destruído o día de Noiteboa, tanto a estrutura coma os plásticos, son dous dos múltiples casos de danos que se rexistraron por todo o territorio galego.

A rotura dos plásticos, por exemplo, é un dos problemas que máis se repite, e o seu custo de reposición resulta moi elevado. Mesmo houbo chuvias e sarabias que arrasaron diferentes cultivos moi importantes nesta época do ano como os grelos ou as nabizas. Os produtores e produtoras de varias comarcas como Betanzos consideran que as perdas na colleita de grelos deste ano pode superar o 30%. O cereal de inverno que xa estaba cultivado en comarcas como a Limia quedou totalmente destruído en moitas parcelas, despois de ter feito todos os labores e os gastos para o seu cultivo.

Unha queixa xeneralizada son as dificultades no subministro de corrente eléctrica, e comeza a ser habitual en moitas comarcas os cortes de subministro continuados ocasionando importantes danos. Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos que a Administración debe facer unha avaliación de todos estes danos, que afectan a numerosos sectores e esixir que as empresas subministradoras se comprometan en ter a rede en mellores condicións, garantindo o subministro, e mesmo asumindo as responsabilidades dos prexuízos causados. Como un dos múltiples exemplos que se poderían dar, citamos a parroquia de Cabaleiros (Tordoia), onde chegaron a pasar 3 días sen luz. Isto é totalmente inadmisible hoxe en día e responde a unha actuación neglixente das compañías subministradoras e da propia Administración.

Invernadoiro estragado

Ficheiro adxunto