A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Outros>
  5. O Sindicato Labrego Galego apoia a campaña estatal para esixir o país de orixe na etiquetaxe do mel

O Sindicato Labrego Galego apoia a campaña estatal para esixir o país de orixe na etiquetaxe do mel

29 de Outubro do 2014

Reparto de mel

Apicultores e apicultoras de todo o Estado convocados/as pola Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), e co apoio de organizacións de consumo como a CECU ou a CEACCU, iniciamos, o 28 de outubro, unha campaña reivindicativa para reclamar ao Ministerio de Agricultura que sexa obrigatorio detallar o país de orixe na etiquetaxe do mel, tal e como se fai noutros países comunitarios como Italia.

Esta campaña arrincou cun reparto de tarros de mel diante do Ministerio de Agricultura e recollida de sinaturas que, ademais de facerse a pé de rúa, tamén se farán a través das redes sociais cunha iniciativa en change.org

Dende o SLG e a COAG, levamos anos denunciando a falla de transparencia neste eido, xa que as empresas do sector poden etiquetar mel de fóra da Unión Europea como “mestura de meles UE-non UE”, sen indicar os países nos que o mel foi recollido, o que agacha unha información necesaria para consumidores e consumidoras á hora de mercar. Este baleiro legal, permite que no Estado español non poidamos identificar a orixe do mel que mercamos, nun contexto no que está a entrar mel de dubidosa reputación, como o que producen os principais exportadores deste alimento á Unión Europea, como China, Arxentina, México, Chile ou Uruguai. Un bo exemplo disto sería a prohibición do mel uruguaio en Alemaña en 2011 tras descubrirse que contiña pole transxénico; non en van, do 1'2 millóns de hectáreas de cultivos que ten este país, o 80% está ocupado por soia (o 100% transxénica) e millo (o 80% tamén manipulado xeneticamente). Idéntico problema está a sufrir o mel producido en Arxentina, México ou Chile, onde teñen grandes superficies de cultivos manipulados xeneticamente. En canto ao mel chinés, que entra no Estado a 1'30 € o quilo cos custes ambientais e económicos dun transporte de 10.000 quilómetros incluídos, debe ter unha calidade ínfima para ser rendible a un prezo tan baixo. Por motivos coma estes, dende o SLG esiximos transparencia á hora de etiquetar o mel que se vende no Estado e a obriga de que figure o país de orixe na etiquetaxe, pois é unha información esencial para os consumidores e consumidoras á hora de decidir por que produto optan.

Reparto de mel no Magrama