A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. O SLG pide a Medio Rural medidas adicionais que garantan prezos dignos negociados en iguadade para o leite galego

O SLG pide a Medio Rural medidas adicionais que garantan prezos dignos negociados en iguadade para o leite galego

2 de Xuño do 2014

MMO

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, tivo unha apretada axenda durante a semana pasada en cuestións relacionadas co sector lácteo. A comezos de semana, celebrábase a primeira xuntanza do Observatorio do Mercado Europeo do Leite en Bruxelas, na que participou en representación da Coordinadora Europea da Vía Campesina. Dous días despois, a cita foi en Compostela, na presentación de Xacobea, a ferramenta para a referenciación de prezos para o leite galego que presentaba a Consellaría de Medio Rural.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, participou o pasado mércores, 28 de maio, na presentación de Xacobea. Isabel Vilalba trasladoulle a Patricia Ulloa -directora do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) e encargada da presentación- a necesidade de ir máis alá se realmente queremos que haxa transparencia no sector lácteo galego e unha estabilidade nos prezos que remate coa volatilidade actual.

En primeiro lugar, Isabel Vilalba subliñou que o único prezo válido para o leite que admitirá o Sindicato Labrego Galego é un valor que cubra os custes de produción e que permita aos e ás profesionais do sector vivir dignamente do seu traballo; o contrario, fixar prezos que non cubran os custes de produción e obrigar a vender o leite a perdas, tal e como acontece no sector lácteo galego dende hai moitos anos, é ilegal e así o denunciará o SLG. Dende este punto de vista, Vilalba chamou a atención sobre o feito de que a unha fórmula matemática como a que se utiliza para Xacobea pode dárselle máis ou menos peso de xeito subxectivo aos parámetros que a compoñen á hora de obter o prezo de referencia, como por exemplo os custes da actividade.

Outro dos factores que pode condenar ao fracaso a Xacobea é o feito de que a negociación libre e sen coaccións entre dúas partes que debería preceder á fixación do prezo do leite nun contrato, non existe na Galiza. A realidade galega é que os prezos son impostos polas industrias ás explotacións sen que haxa un proceso negociador previo. Así as cousas, de nada serviría que os prezos de referencia xurdidos de Xacobea tivesen un nivel suficiente para garantir a cobertura dos custes de produción e dunhas marxes de beneficio dignas se a industria non os acepta. E coa lexislación actual, a industria non ten por que aceptalos, polo que Isabel Vilalba avogou por ir máis alá de Xacobea e traballar na creación de novas ferramentas e marcos legais que garantan unha negociación dos prezos en pé de igualdade entre tódalas partes da cadea comercial e mecanismos que obriguen a respectar os índices de referencia.

A maiores, Isabel Vilalba Seivane aproveitou o acto de presentación de Xacobea para alertar dos primeiros síntomas dunha crise no sector lácteo europeo, á que non é allea Galiza, propiciada polo exceso de produción. A secretaria xeral do SLG tivo oportunidade de debater ao respecto na xuntanza do Observatorio do Mercado Europeo do Leite (European Milk Market Obserbatory-MMO) que se celebrou o día anterior, 27 de maio, en Bruxelas, como representante da Coordinadora Europea da Vía Campesina.

Con datos do propio MMO, moitos países comunitarios están a aumentar a produción de leite, algúns até un 12%. Na xuntanza de Bruxelas adiantáronse datos moi preocupantes, como que, no que vai de ano, xa se produciron 4 millóns de toneladas máis de leite con respecto ao mesmo período do ano pasado. Na Galiza pasa outro tanto, cun aumento produtivo do 10'30% no mes de marzo.

Os representantes da industria europea admitiron que non tiñan capacidade para transformar e poñer no mercado os incrementos de produción estacionais que se están a producir. A secretaria xeral do SLG expresou a súa preocupación diante do destino deste leite que excede a capacidade produtiva da industria e acaba almacenado e malvendido como leite cru Spot (Spot raw milk). O representante da industria no MMO deu un exemplo disto que, en palabras de Isabel Vilalba, “é escandaloso”: este admitiu que, en Francia, mercáronse continxentes de leite cru a 250 €/Tn (25 céntimos por litro) e acabaron no mercado a 50 €/Tn (5 céntimos por litro) para desfacerse del. Outra das saídas ao exceso de produción de leite, que é facer leite en po, tampouco está ben visto pola propia industria, pois non teñen a seguridade de que vaian recuperar os investimentos necesarios para desecar o leite.

“O que é un problema de stocks para a industria”, explicou Isabel Vilalba, “supón unha práctica perigosísima para o equilibrio do mercado e a viabilidade das nosas explotacións, pois malvender ou case regalar o leite provoca, necesariamente, baixadas nos prezos”.

Outro factor que indica que o sector lácteo europeo non está a ir polo bo camiño é que as exportacións a baixos prezos xa non son a panacea para os excesos produtivos. As industrias amosaron a súa incerteza con respecto aos mercados internacionais e, en concreto, cos dous principais importadores de leite europeo como son Rusia, coa que hai tensións diplomáticas polo conflito en Ucraína, e China, onde se estancou a demanda.

Estes indicadores amósannos que o exceso de produción cara ao que camiña o sector lácteo europeo e galego se vai atopar coa imposibilidade da industria para procesar o produto, a incapacidade do mercado para absorbelo ao estar cuberta a demanda da UE, e a falla de garantías para que os mercados internacionais merquen esa sobreprodución a un prezo axeitado.

De seguirmos así, sen poñer medidas de control para que o leite producido responda á demanda de produtos lácteos, sen prohibir prácticas como a comercialización de leite Spot a prezos case regalados, e co único sistema de control da produción -as cotas- a piques de desaparecer, o sectores lácteos europeo e galego están sentando as bases dunha nova crise.

Isabel Vilalba