A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. O Sindicato Labrego solidarízase coa Confédération Paysanne na súa loita contra a granxa das 1.000 vacas

O Sindicato Labrego solidarízase coa Confédération Paysanne na súa loita contra a granxa das 1.000 vacas

26 de Xuño do 2014

Manifestación

A Confédération Paysanne, organización labrega francesa que, coma o SLG, pertence á Coordinadora Europea da Vía Campesina, vén de iniciar unha campaña para evitar a posta en marcha dunha marcroexplotación láctea no departamento de Somme (rexión de Picardía) cuxo modelo suporía a fin da gandería familiar na zona afectada e, de estenderse, en toda Europa. A Conf leva un ano de mobilizacións e, o vindeiro 1 de xullo, prepara unha grande manifestación fronte ao Palacio de Xustiza de Amiens para forzar a paralización deste aberrante proxecto.

A granxa das 1.000 vacas, como a denominan os nosos compañeiros e as nosas compañeiras da Conf, é unha explotación industrial promovida por Michel Ramery, dono dun grupo empresarial que emprega a 3.550 persoas e ten un volume de negocio anual de 541 millóns de euros. Nesta granxa, Ramery pretende espremer 1.000 vacas nunhas instalacións de 8.500 m² -cada animal disporá dun espazo equivalente a media praza de garaxe- xunto a unha fabrica de metano. A idea é apañar as dexeccións das 1.000 vacas para producir electricidade e, unha vez procesadas, utilizar os refugallos para abonar 3.000 hectáreas de pastos dos que se alimentarán as reses.

Así, a granxa do magnate Ramery producirá 8 millóns de litros de leite ao ano e 1'5 megawatios de electricidade. Para iso, ocupará 3.000 hectáreas de praderías -extensión superior á de municipios do tamaño de Betanzos- para dar emprego só a 18 persoas; e, durante o inverno, consumirá 40 toneladas diarias de concentrados alimenticios compostos, principalmente, por transxénicos.

Que 30 Km² de terras só dean emprego a 18 persoas dá como resultado o modelo agrario definitivo para desertizar o medio rural. Desde a Conf explican que unha explotación láctea convencional con 50 vacas dá emprego a unha media de 2'1 persoas en Francia; daquela, 1.000 vacas deberían dar emprego a 42 persoas, como mínimo. Ademais, os ingresos pola produción de enerxía e o aforro en salarios, permitirán a Michel Ramery vender o leite a 270 euros a tonelada; cando os prezos medios están en 350 euros a tonelada, valor este último que case non chega nin para cubrir os custes de produción das explotacións convencionais e que só é posible grazas a axudas públicas como as da Política Agraria Común.

En resume, a granxa das 1.000 vacas é un megaproxecto para obter grandes lucros por parte dun gran capital especulativo, pero un auténtico desastre dende o punto de vista social e medioambiental. Para Ramery, o leite é un subproduto complementario que lle axudará a redondear os ingresos obtidos pola produción de enerxía. Ademais, cómpre lembrar que as axudas da Política Agraria Común (PAC), cuxo importe está baseado no número de hectáreas traballadas por cada explotación, achegarán uns ingresos extraordinarios en forma de subvencións nada desdeñables.

Fronte a este delirio no que o lucro económico dun gran capital semella estar por riba da explotación sostible da terra, do emprego agrario para garantir un medio rural vivo e habitado, da produción de alimentos sans ou do benestar animal; as organizacións que integramos a Coordinadora Europea da Vía Campesina seguiremos loitando e defendendo unha agricultura familiar orientada cara á soberanía alimentaria dos pobos.

Manifestación