A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. O SLG denuncia prezos de miseria en La Arzuana no leite recollido ás explotacións socias en setembro

O SLG denuncia prezos de miseria en La Arzuana no leite recollido ás explotacións socias en setembro

21 de Outubro do 2014

CoopLaArz

O Sindicato Labrego Galego denuncia a baixada de prezos inxustificada que a xerencia da Cooperativa La Arzuana vén de facer no leite adquirido no mes de setembro ás súas explotacións. En concreto, La Arzuana marcou un prezo de 27 céntimos para o litro de leite recollido nese mes, moi por debaixo dos paupérrimos valores aos que se está a cotizar no resto da comarca, nunca por baixo dos 30-32 céntimos.

Para que nos fagamos unha idea, unha explotación mediana cuns 100.000 quilos de cota que vendese 16.000 en setembro (datos obtidos da factura real dunha granxa socia de La Arzuana) estaría perdendo entre 480 e 800 euros ese mes. Evidentemente, estas perdas poden ser moi superiores en granxas máis dimensionadas (hainas que chegan aos 500.000 quilos de cota) e menores nas que producen menos. En canto ás explotacións afectadas, andan ao redor das 60, se temos en conta a asistencia á última asemblea de La Arzuana, celebrada o 29 de setembro para decidir o cese de actividade.

En opinión do Sindicato Labrego Galego, esta baixada de prezos non responde a motivos obxectivos de mercado e supón unha estrataxema máis para estafar aos socios e socias que se mantiveron en La Arzuana até o cese da súa actividade -non recolle leite dende o 1 de outubro- e tentar diminuír, dese xeito, a débeda que a cooperativa mantén con eles e elas. Trala dimisión de Eugenio Montero como presidente de La Arzuana, quédalles ao socios e socias este último agasallo da xerencia para tentar paliar os resultados dunha catastrófica xestión a costa do peto dos e das cooperativistas que, ademais de ter varias entregas sen cobrar, agora percibirán polo seu leite un valor inferior ao do mercado, sempre e cando cheguen a ingresar os cartos. Mentres tanto, a Consellaría de Medio Rural segue desaparecida.