A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. 17 DE XULLO: POLA DEFENSA DA ECONOMÍA DO RURAL, LOITAMOS POLO SECTOR LÁCTEO!

17 DE XULLO: POLA DEFENSA DA ECONOMÍA DO RURAL, LOITAMOS POLO SECTOR LÁCTEO!

16 de Xullo do 2015

Non hai imaxe

A capital de Galiza acollerá mañá, venres 17 de xullo, unha mobilización histórica na defensa do mundo rural galego e do seu principal activo económico: o sector lácteo. Polos datos dos que dispoñemos as organizacións que convocamos esta mobilización, serán máis de 150 autobuses os que se desprazarán a Compostela grazas á colaboración e solidariedade, en moitos casos, dos gobernos e as corporacións municipais.

Neste senso, teñen confirmada a súa asistencia á marcha polas rúas compostelás un terzo dos alcaldes e alcaldesas de Galiza, e ao redor do 80% das corporacións municipais galegas contarán con representantes na mobilización. A importancia do sector lácteo en moitas das comarcas galegas –o 50% dos concellos galegos teñen no leite o seu principal activo económico- supón que nestes momentos estean en xogo máis de 100.000, postos de traballo directa ou indirectamente vinculados á gandería. Por iso os alcaldes e alcaldesas e representantes municipais manifestaranse xuntos e xuntas, á marxe das diferenzas partidarias, tras unha pancarta co lema “Os alcaldes galegos pola defensa do sector lácteo”.

As organizacións agrarias agardamos unha mobilización masiva e pacífica. Tódalas asembleas celebradas nas comarcas leiteiras apuntan nesa dirección. Nelas, os produtores e as produtoras que sofren a chantaxes e abusos de distribución e industrias están atopando a solidariedade espontánea de tódolos axentes sociais, políticos, empresariais, etc, que queren manter vivo o mundo rural na Galiza.

A manifestación partirá as 12:30 horas da explanada de Salgueiriños e continuará por San Caetano, Anxo Casal, Rodríguez de Viguri, Concheiros, San Pedro, Casas Reais, Preguntoiro e Conga para chegar, ao redor das 14:00 horas, á praza da Quintana, onde o xornalista Xabier Fortes lerá un manifesto en defensa do sector lácteo galego.