A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. O SLG oponse ao contrato para o sector lácteo do Ministerio porque deixa indefensas as granxas fronte ás industrias

O SLG oponse ao contrato para o sector lácteo do Ministerio porque deixa indefensas as granxas fronte ás industrias

16 de Decembro do 2015

Cendán e Vilalba

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, e o asesor da Executiva do SLG, Xosé Ramón Cendán, ofreceron unha rolda de prensa, o 16 de decembro, para transmitir a posición desta organización sindical respecto ao contrato homologado do leite que está a defender o Ministerio de Agricultura (pódese descargar na icona que hai no remate desta páxina) e desmentir un suposto consenso na última xuntanza da Interprofesional Láctea (INLAC).

E é que, tanto a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) a nivel estatal, coma o SLG a nivel galego, nos opuxemos a un modelo de contrato que en pouco cambiou con outras propostas anteriores e que segue a dar todo o poder ás industrias en detrimento dos gandeiros e das gandeiras. Vexámolo:

  1. O prezo poderá seguir sendo imposto unilateralmente polas industrias, tal e como acontece agora. O novo contrato permite que o prezo poida ser fixo, variable ou optar por unha fórmula mixta, pero non contempla ningunha referencia nin índice a partir do cal construír ese prezo, polo que seguirán sendo as industrias as que o impoñan ao seu antollo.
  2. Non haberá un leite tipo nin baremos obxectivos para fixar os parámetros e calidades do leite. Até o de agora, había un certo consenso en cales eran as calidades e parámetros tipo en graxa, proteína, punto crioscópico..., aceptadas por todo o sector, coa experiencia de anos do Laboratorio Interprofesional Galego do Leite (Ligal). Mais, ultimamente, algunhas empresas empregaban parámetros de calidade fixados de xeito arbitrario para baixar os prezos ou mesmo deixar de recoller o leite. Con este contrato consolídase que as industrias podan esixir as calidades que consideren, de maneira que as granxas estarán aínda máis sometidas ao seu arbitrio, e as industrias poderán deixar de recollerlles o leite cando queiran coa escusa das calidades que elas marquen unilateralmente. No Anexo I a Industria poderá fixar as calidades e parámetros que considere, así como os volumes; e no artigo 3.2. dise que o receptor rexeitará o leite que incumpra “especificacións técnicas pactadas, no seu caso, sen que o subministrador teña dereito a indemnización ningunha”
  3. Os gandeiros e gandeiras deberán asumir funcións que, até o de agora, asumía a Administración. Por exemplo, agora mesmo, cando hai un cambio na cualificación sanitaria da granxa que resulta relevante para o leite producido, a Administración está obrigada a comunicalo. Co novo contrato, serán os gandeiros e gandeiras quen se deban responsabilizar desas comunicacións con carácter inmediato.
  4. Pode seguir habendo contratos inferiores a 1 ano: aínda que se propón a duración de 1 ano para o novo contrato, está aberto á posibilidade de que os períodos contractuais poidan ser modificados polas partes. É dicir, que a industria poderá seguir obrigando a gandeiros e gandeiras a asinar contratos dunha duración menor.
  5. Non existe un sistema de mediación específico para os contratos do leite, despois do procedemento de vista previa na INLAC que xa hai hoxe, o contrato só recolle que se deberá optar por dúas opcións, que ademais son excluíntes: unha, someterse aos tribunais ordinarios; e outra, ir a unha arbitraxe sen especificar onde, con que custo ou cales serán as garantías.

Con este contrato non existe negociación pois o modus operandi da industria é: ou asinas este contrato ou non che recollo o leite; as demais industrias, salvo acordo entre elas, tampouco o recollen, e a única opción é un primeiro comprador cun prezo moi inferior para escarmentar para outra vez.

En definitiva, a intención inicial de facer un contrato-tipo na INLAC que obedecía a fixar parámetros obxectivos de referencia para as industrias e as granxas, vese traizoada por este modelo que nos tentan vender en plena campaña electoral e que non só non mellora a posición dos gandeiros e das gandeiras nas relacións contractuais do sector lácteo, senón que as empeora nalgúns aspectos.

Dende o Sindicato Labrego Galego, non estamos dispostos e dispostas a ser comparsas desta farsa, polo que non vamos apoiar este modelo de contrato que ampara a extorsión descarada que as industrias exercen sobre os gandeiros e as gandeiras impoñendo unilateralmente prezos, calidades, duración e condicións tal e como fixeron sempre. Se o Ministerio de Agricultura quere vender este contrato antes das Eleccións Xerais, entón que o presente nos espazos de propaganda electoral, pero que non intente enganar á cidadanía e ao sector lácteo cun acordo que non existe.

Cendán e Vilalba

Se premes na seguinte icona
podes descargar o modelo de
contrato defendido polo Magrama:
Ficheiro adxunto