A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. Dossier informativo: As axudas da Unión Europea destinadas a sectores agrogandeiros en crise ao detalle

Dossier informativo: As axudas da Unión Europea destinadas a sectores agrogandeiros en crise ao detalle

5 de Septembro do 2016

Moedas UE

A mediados de xullo, o Consello Ministerial de Agricultura da UE, daba o visto bo a un paquete de medidas anti-crise especialmente deseñado para o sector lácteo e ampliable a outros sectores produtivos. Un mes despois, o 26 de agosto, a Comisión Europea concretaba o funcionamento destas axudas e establecía un calendario para a súa execución.  De seguido, compartimos con vós toda a información dispoñible ao respecto. En canto á valoración sindical destas medidas, xa a fixemos en xullo e, en vindeiros días, indicidiremos neste tema.

1. PROGRAMA DE REDUCIÓN DA PRODUCIÓN DE LEITE (150 millóns de euros)

A Comisión presentou unha medida para toda a UE destinada a incentivar unha redución voluntaria da produción (redución voluntaria das entregas de leite da UE). Este esquema funcionará a nivel da UE para que os gandeiros/as de vacún de leite (non de ovino e/ou caprino) de toda a Unión teñan acceso a ela nas mesmas condicións. Concederase unha axuda a aqueles/as produtores/as que reduzan as súas entregas de leite durante un período de 3 meses consecutivos (“período de redución”) en comparación con ese mesmo período no ano anterior (“período de referencia”).

A cantidade de leite reducido recibirá unha axuda de 14 euros/100 kg. Poñendo un exemplo, unha explotación que reduza 100.000 kg de leite en 3 meses percibiría unha axuda de 14.000 euros.

A axuda cubrirá, como máximo, una redución do  50% do leite producido durante o período de referencia (do leite entregado a primeiros compradores durante ese período) e, como mínimo, 1.500 kg (1.456 litros) de leite

Haberá un límite de volume de leite, a nivel da UE, que poderá acollerse a esta medida de redución da produción percibindo axuda. Este límite será de 1’1 millóns de toneladas de leite (é dicir, un 0’7% dos 151 millóns de toneladas de leite que se produciron en 2015 no conxunto da UE).

Só poderán acollerse ás axudas os/as gandeiros/as que estivesen entregando leite a primeiros compradores durante o mes de xullo de 2016.

Para acollerse á medida, os/as produtores/as (o, no seu nome, as organizacións de produtores e/ou cooperativas) deberán presentar unha solicitude a título individual ante os organismos pagadores dos EE.MM. antes dunha data determinada (distinta segundo o período de 3 meses no que se vaia levar a cabo a redución). 

  • Antes do 21 de setembro de 2016 ás 12:00 h (hora de Bruxelas) se a redución das entregas de leite se realiza nos meses de outubro, novembro e decembro de 2016.
  • Antes do 12 de outubro de 2016 ás 12:00 h (hora de Bruxelas) se a redución das entregas de leite  se realiza nos meses de novembro e decembro de 2016 e xaneiro de 2017.
  • Antes do 9 de novembro de 2016 ás 12:00 h (hora de Bruxelas) se a redución das entregas de leite se realiza nos meses de decembro de 2016 xaneiro e febreiro de 2017.
  • Antes do 7 de decembro de 2016 ás 12:00 h (hora de Bruxelas) se a redución das entregas de leite se realiza nos meses de xaneiro, febreiro e marzo de 2017.

SolicitudeNa solicitude deberán informar, entre outras cuestións, sobre a cantidade de leite entregado aos primeiros compradores durante o seu “período de referencia” así como sobre a cantidade de leite que planean reducir durante o seu “período de redución”.

Só poderá presentarse unha solicitude por persoa gandeira, excepto se se presenta para os períodos de solicitude primeiro e cuarto (hai que ter en conta que son os únicos períodos que non coinciden en absoluto en tempo).Dende a Consellería advirten que os fondos poden acabarse nos primeiros períodos de solicitude.

Deben ter en conta os compromisos que teñen adquiridos respecto ás cantidades nos contratos coas industrias, e contar co consentimento por escrito. Para maior seguridade na Consellería sinalan que sería bo que o consentimento se tivese por escrito.

A solicitude xerarase nunha aplicación web pero logo será obrigatorio rexistrala en papel, por exemplo nas oficinas agrarias comarcais, e que conste a data e hora do rexistro. A solicitude ten que estar completa para que sexa válida, con toda a documentación. Para o acceso porase o N.I.F. da persoa titular onde pon USUARIO e a clave de acceso á oficina virtual da Consellería onde pon CONTRASINAL.

Documentación necesaria: 

  • Copia das facturas dos meses de referencia do ano anterior
  • Copia da factura de xullo de 2016
  • Acreditación  da representación (escritura de constitución, modelo xerado na web)

Os organismos pagadores dos EE.MM. deberán notificarlle á Comisión, como data límite o 3º día hábil as cantidades solicitadas. Sobre a base destas notificacións, a Comisión comunicaralle aos EE.MM. qué cantidades de cada unha das solicitudes poden garantir (en función do volume máximo obxecto de axuda establecido para o conxunto da UE).

Cando o volume de todas as solicitudes supere o volume máximo obxecto de axuda establecido para o conxunto da UE, a Comisión (por medio dun acto de execución que se adoptará sen aplicar o procedemento contemplado no artigo 229 do Regulamento (UE) nº 1308/2013) fixará un “coeficiente de asignación” que os Estados membros aplicarán ao volume cuberto por cada solicitude de axuda. Cando se fixe este “coeficiente de asignación” rexeitaranse aquelas solicitudes de axuda presentadas despois da data límite, e os prazos subseguintes tampouco se aplicarán. As autorizacións expediranse para as cantidades das solicitudes de axuda multiplicadas polo “coeficiente de asignación”.

A Xunta terá 7 días hábiles para publicar os volumes autorizados no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Solicitude de pagamento da axudaFarase como data límite 45 días despois do final do período de reducción comprometido. Xerarase na web e haberá que rexistrala en papel, terá que estar completa, acompañando as facturas do período no que se comprometeu a reducir.

O pago das axudas efectuarase tras a comprobación por parte dos EE.MM. de que a redución da produción realmente se levou a cabo e a cantidade da axuda solicitada reducirase se o/a solicitante, finalmente, non reduce durante o período de redución aquela cantidade que se comprometeu a reducir en principio (é dicir: se realmente reduce menos do 20% comunicado inicialmente, non terá garantida ningunha axuda; se reduce entre o 20% e o 50% do comunicado inicialmente, recibirá o 50% da axuda; se reduce entre o 50% e o 80% do comunicado inicialmente, recibirá o 80% da axuda; e se reduce máis do 80% do comunicado inicialmente, recibirá a axuda completa).

Para evitar problemas informáticos ou colapsos na oficina de rexistro, recoméndase non agardar ata os momentos finais do período de solicitude.

2. AXUDA DE AXUSTE CONDICIONADA (350 millóns de euros, dos cales 14 son para o Estado Español)   

A Comisión proporcionará novos fondos que podan vincularse a actividades que fomenten o desenvolvemento sostible das explotacións gandeiras ao mesmo tempo que contribúan a asegurar a estabilidade do mercado. Haberá unha subvención financeira a disposición de cada Estado membro.

Listado de actividades:

  1. Programa de redución da produción de leite a nivel europeo (o orzamento tamén poderá utilizarse de xeito flexible por parte dos EE.MM. para apoiar o paquete de axuda de 150 millóns de euros da UE para reducir a produción) o non incremento da produción,
  2. Producións a pequena escala,
  3. Aplicación de métodos de produción extensivos,
  4. Aplicación de métodos de produción amigables co medio ambiente o co clima,
  5. Implementación de proxectos de cooperación,
  6. Implementación de esquemas de calidade co obxectivo de promover a calidade e o valor engadido;
  7. Formación en instrumentos financeiros e ferramentas de xestión de risco.

Os EE.MM. deberán notificarlle á Comisión antes do 30 de novembro de 2016, entre outras cuestións: 

Un programa nacional que describa as medidas concretas adoptadas;

No seu caso, as razóns que leven a utilizar esta axuda para outros sectores gandeiros distintos do sector lácteo; o impacto previsto do programa; o nivel de cofinanciamento da axuda concedida pola Comisión;

Os Estados membros terán flexibilidade para definir a medida ou conxunto de medidas que se van poñer a disposición da xente agricultora. Tamén terán marxe para cubrir unicamente catro sectores gandeiros máis: o vacún de carne, o porcino, o ovino de carne e o caprino de carne.

Os EE.MM. poderán complementar esta axuda ata un 100% e deberán elixir qué sectores e qué medidas do listado son obxecto de axuda no seu territorio. Non parece, en principio, que vaian pór fondos propios. Por outra banda aínda non decidiron que criterios van empregar, aínda que inicialmente a consellería aposta por un criterio de calidades: graxa e proteína das granxas. Temos que mandarlles achegas o antes posible. 

3. AXUDA ASOCIADA VOLUNTARIA

Os EE.MM. terán a posibilidade de establecer excepcións á obriga de manter o tamaño dos rabaños en 2017 (nun intento de que a axuda non constitúa un incentivo para incrementar a produción). Isto suporía que poderían concederse as axudas acopladas ao vacún de leite en 2017 en base aos animais xustificados en 2016 (é dicir, sen necesidade de manter o mesmo número de animais).

4.EXTENSIÓN DA INTERVENCIÓN PÚBLICA DE LEITE DESNATADO EN PO (LDP) MÁIS ALÁ DO 30 DE SETEMBRO 

A intervención pública do leite desnatado en po  estenderase ata finais de febreiro de 2017, cando se reanude o período estándar. O límite máximo ata o cal  se comprará LDP a prezo fixo permanecerá en 350.000 toneladas ata finais  de decembro de 2016.

5. AMPLIACIÓN DOS RÉXIMES DE AXUDAS AO ALMACENAMENTO PRIVADO DO LEITE DESNATADO EN PO 

Tanto o esquema estándar (entre 90 e 210 días de almacenamento) como o mellorado (365 días de almacenamento) estenderanse ata finais de febreiro de 2017.

6. ANTICIPOS

Permitirase aos Estados membros anticipar, a partir do próximo 16 de outubro, ata o 70% dos pagamentos directos e o 85% dos pagamentos de desenvolvemento rural vinculados á superficie sen a necesidade de que se completasen os controis sobre o terreo.

7. FROITAS E HORTALIZAS

Actualización da axuda para as retiradas realizadas polas organizacións de produtor@s no sector das froitas e hortalizas.