A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. Isabel Vilalba advirte en Bruxelas que as medidas contra a crise levan á creba do sector lácteo en Europa

Isabel Vilalba advirte en Bruxelas que as medidas contra a crise levan á creba do sector lácteo en Europa

7 de Septembro do 2016

Isabel Vilalba

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, participou, o 6 de setembro, na xuntanza do Observatorio do Mercado do Leite (Milk Market Observatory-MMO) en Bruxelas, convocada pola Comisión Europea. Isabel Vilalba formou parte da representación da Coordinadora Europea da Vía Campesina, organización internacional da que forma parte o SLG, e centrou o seu traballo neste encontro do MMO en dous puntos da orde do día: a presentación dun informe sobre a situación das granxas de leite europeas a nivel de custes de produción e ingresos (esta exposición foi da ECVC xunto co European Milk Board-EMB) e unha intervención oral que estivo centrada en denunciar o fracaso de todas as medidas tomadas até agora e anunciadas para os vindeiros meses pola Comisión Europea de cara a enfrontar unha crise de prezos e sobreprodución que se vén arrastrando dende finais de 2014.

Cos últimos datos publicados, o leite cru pagouse a un prezo medio na UE de 25'54 céntimos o litro no mes de xullo, experimentando un afundimento sen precedentes se o comparamos co valor de hai un ano, en xullo de 2015, cando se situaba en case 30 céntimos, e moi lonxe tamén dos 36'49 céntimos de setembro de 2014. Isabel Vilalba criticou estes prezos, “cos que as granxas europeas perderon, aproximadamente, 11 céntimos de media por litro nos últimos dous anos, de maneira que, en xullo de 2016, había 16 países comunitarios con prezos inferiores aos 25 céntimos. Dende o segundo trimestre de 2015, o prezo medio do leite é inferior aos custes de produción, e miles de granxas seguen pechando”.

Para ilustrar os peores efectos desta crise, Isabel Vilalba recordou casos como o de Croacia, que no primeiro semestre de 2016 reduciu a súa cabana gandeira en 4.000 vacas, certificou o peche de 1.500 granxas e reduciu a súa produción un 8%; ou Galiza, onde cesaron a súa actividade 600 granxas entre xullo de 2016 e xullo de 2017. Precisamente, a secretaria xeral do SLG incidiu no caso galego, “co peche do 33'56% das granxas de leite nos últimos sete anos; aínda que temos un prezo medio preto dos 26 céntimos, hai que denunciar liquidacións de até 11 céntimos por litro, coa imposición unilateral de parámetros de calidade e descontos abusivos por parte da industria, ameazas de non recoller, etc”.

Coa lei da man, as industrias maximizan beneficios mentres as granxas se arruínan

Isabel Vilalba contrapuxo a situación crítica das granxas co incremento espectacular das ganancias en moitas industrias, como Lactalis Ibérica, que triplicou beneficios con respecto a 2015. Na base deste sistema onde as granxas se arruínan e as industrias maximizan beneficios, Isabel Vilalba denunciou “un sistema de contratos no que os prezos e as condicións son fixadas unilateralmente pola industria”.

Fronte a isto, “a lexislación debe protexer as persoas produtoras con referencias obxectivas de custes de produción que sexan a base dunha cadea de valor sostible na que a marxe de cada unha das partes estea garantida. Non podemos seguir utilizando os prezos internacionais dos produtos lácteos como referencia para fixar os prezos na Unión Europea, pois se trata de valores arbitrarios, en gran parte especulativos e de gran volatilidade que, case sempre, obrigan ás granxas a vender por baixo de custes. Ademais, este rango de prezos só se pode manter a expensas dun modelo produtivo que destrúe o medio ambiente, compromete a saúde dos consumidores e consumidoras, desarticula o medio rural coa extinción de miles de postos de traballo, e xera pobreza máis alá dos balances contábeis de industrias e distribuidoras".

As medidas anti-crise da Comisión Europea non tocan as raíces do problema e agachan unha reconversión industrial salvaxe do sector lácteo

Nesta conxuntura, a representante da ECVC criticou o fracaso das medidas emprendidas até agora pola Comisión Europea para enfrontar a crise, como as destinadas á redución voluntaria da produción: “de xaneiro a xuño de 2016, a produción aumentou un 3'3% con respecto ao mesmo período de 2015, mentres que os prezos seguiron en caída libre”.

A conclusión á que estamos chegando na ECVC é que, baixo esta crise, “estase levando a cabo unha profunda reconversión do sector: incentivando o aumento nalgunhas granxas e zonas, ao tempo que se ameaza con deixar de recoller ou se extorsiona con prezos misérrimos a outras explotacións”.

As últimas axudas aprobadas pola Comisión Europea son unha aberración”, afirmou Isabel, “pois ao non haber límites máximos de produción, o descenso do volume produtivo nunhas granxas permitirá que outras aumenten, anulando todos os esforzos para estabilizar o mercado e expulsando, pouco a pouco, ás granxas que reduzan voluntariamente. En definitiva, as axudas para a redución voluntaria do volume de leite suporán un financiamento parcial ao peche de granxas e á reconversión industrial do sector”.

A solución? Regulación pública da produción leiteira a nivel europeo

Tras varios meses de medidas anti-crise, cada vez é máis evidente que a Comisión Europea está condenando á desaparición miles de granxas e á irrelevancia o sector lácteo en amplas zonas rurais de Europa. Cando a maioría do sector lácteo está de acordo en que é necesaria e urxente unha redución concertada e obrigatoria da produción a nivel europeo, a Comisión pásalle a pelota aos estados para que cadaquén faga, de maneira voluntaria, o que lle veña en gana.

En nome da ECVC, Isabel Vilalba defendeu a regulación pública da produción leiteira a nivel europeo para evitar excedentes e prezos en orixe por baixo dos custes de produción, a través dunha xestión dinámica acorde á demanda. Tanto para a ECVC, como para o SLG, ningunha granxa é prescindible e cómpre deter a sangría de peches xa. É necesario manter moitas granxas en activo nos diversos territorios, prestando especial atención aos máis vulnerables, como as zonas de montaña, periféricas ou desfavorecidas, porque teñen uns custes de produción máis elevados e porque, precisamente neses lugares, a produción leiteira é esencial a nivel económico, social e ambiental.

E, para acadar todo o devandito, dende a ECVC defendemos medidas concretas como programas de axudas para apoiar a extensificación das granxas e a creación ou mantemento de modos de produción autónomos e eficientes.

Ao remate da súa intervención, a secretaria xeral do SLG advertiu que “tarde ou cedo, a Comisión Europea terá que propor un instrumento de control da produción se non quere levar á creba total ao sector lácteo europeo”.