A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. Xornadas sobre pastoreo no sector lácteo: O futuro do sector lácteo galego será con pastoreo ou non será

Xornadas sobre pastoreo no sector lácteo: O futuro do sector lácteo galego será con pastoreo ou non será

27 de Xaneiro do 2017

SAT Margá

O Sindicato Labrego Galego da Terra Chá organizou, o 10 e 13 de xaneiro, dúas xornadas sobre “Pastoreo no sector lácteo” en Meira e Vilalba. A intención destes foros foi a de promover un modelo produtivo no sector lácteo máis acorde ás potencialidades da Galiza, baseado nunha alimentación do gando en base a pastos e forraxes que incide, necesariamente, nunha maior calidade do produto final, na redución dos custes de produción nas granxas, unha maior fortaleza diante da volatilidade nos prezos dos insumos agrarios e un aumento da rendibilidade final da produción leiteira. 

Así o demostraron estes dous días a testemuña de especialistas como Eloi Villada, da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes; ou experiencias como a da SAT Margá (Guitiriz), Gandería Patalarga (A Pastoriza) ou Casa Codesal (Friol).

Foi a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, a encargada de encetar as xornadas cunha exposicíón sobre a conxuntura do sector lácteo a nivel global na actualidade cunha realidade por todos e todas coñecida: a volatilidade dos custes de produción e dos prezos do leite crea unha grande inseguridade nas nosas granxas e, cando os primeiros superan aos segundos, fan que a profesión gandeira sexa ruinosa, provocando perdas millonarias nas economías familiares que viven do leite.

Tal como están as cousas hoxe en día, os prezos do leite veñen impostos pola industria, polo que no único que os gandeiros e gandeiras poden exercer algo de control para mellorar as súas rendas é nos gastos. A media destes gastos por granxa, segundo varios estudos, sitúanse nun abano entre 27 e 35 céntimos por litro. E un factor clave neste capítulo é o da alimentación do gando que, de media na Galiza, supón o 60% dos custes de produción no sector lácteo e pode variar entre 5 e 7 € por vaca en produción e día.

Un modelo de referencia: Irlanda

Tanto Isabel Vilalba como Eloi Villada coincidiron en sinalar como modelo de referencia no sector lácteo o de Irlanda, totalmente baseado no pastoreo. No sector lácteo irlandés os custes de produción están en 21 céntimos por litro de leite, co 60-70% da superficie agraria útil (SAU) das granxas ao redor da propia explotación. Mentres que na Galiza os técnicos aconsellan alimentar ao gando a base de silo e concentrados, en Irlanda a pauta a seguir é basear a alimentación na herba verde e non superar os 100 días de alimentación con silo ao ano.

Non hai dúbida de que os modelos de pastoreo son altamente eficientes á hora de reducir os custes de produción dunha granxa, pero sería necesario adaptalos a cada caso. O certo é que a estrutura territorial de Irlanda é diametralmente oposta á de Galiza: mentres que no país gaélico o rural estrutúrase en base á actividade gandeira e as granxas dispoñen de suficiente base territorial para facer pastoreo; na Galiza hai un caos total, con forestacións ilegais de terras agrarias que usurparon o 10% da superficie agraria e dificultade de acceso a máis teras por parte das nosas granxas.

Un dato que reflicte a nosa situación é que, só en 2014, Galiza importou 190 millóns de euros en forraxes. En canto ao consumo de concentrados, Galiza é unha das zonas de Europa onde máis se consumen. Fronte aos 568 quilos por vaca e ano de Irlanda, a nosa terra ten unha media de 3.940 quilos. Isto fai que a gandería galega sexa moi dependente da importación de concentrados, cereais e proteaxinosas e que, polo tanto, sexa altamente vulnerable diante da volatilidade de prezos destes insumos no mercado mundial.

Eloi Villada defendeu que a herba verde, sempre que se teña abondo, é suficiente para alimentar o gando. Ademais, é o cultivo máis barato e eficiente que temos na Galiza. O problema é que, para que o sector lácteo galego puidese facer unha transición con garantías a un sistema baseado no pastoreo sería preciso recuperar unhas 220.000 hectáreas de terras para pastos.

Óscar Morado, SAT Margá (Guitiriz)

Oscar Morado 2 

A SAT Margá é un caso exemplar de transición dun modelo moi intensivo -chegaron a ter 250 reses con 3 muxidos ao día- no que os custes de produción medraban ao tempo que medraba a granxa, e as marxes de rendibilidade eran moi xustas. Tamén precisaron cada vez máis terras, chegando a traballar unhas 100 hectáreas. Así, metéronse nun círculo vicioso no que as poucas rendas finais obtidas obrigábaos a mercar máis animais para producir máis.

Hai uns catro anos, decidiron dar unha viraxe a esta tendencia indo cara a un modelo de pastoreo para reducir custes e rendibilizar máis a produción. Empezaron con só 50 das vacas da granxa en pastoreo para probar e, pouco a pouco, foron incrementando até hoxe, que teñen todo o gando en pastoreo. Tamén foron substituíndo a raza Holstein pola Jersey porque esta última é máis rústica e apta para o pastoreo. Baixaron de 250 reses ás 185 actuais e as súas previsións son as de quedar cunha carga gandeira de 170 vacas. O 80% das vacas son cruzadas con gando de aptitude cárnica como Limousin e Belga para obter maiores ingresos pola venda dos becerros e porque a taxa de reposición tamén baixou considerablemente.

Agora só moxen dúas veces ao día, con horarios máis flexibles. Pastorean día e noite cando o clima o permite; cando non, complementan nas cortes con silo. O concentrado cómeno todo na sala de muxido: 2'5 quilos por animal (150 gramos de concentrado por litro de leite, cando en intensivo gastaban 500 gramos por litro producido). A produción caeulles de 1'3 millóns de litros a 750.000 en 2016 e a media por vaca baixou dos 11.000 aos 7.200 litros. Como compensación, agora traballan menos que antes e a calidade de vida mellorou moito: “É moito máis cómodo levar as vacas á parcela que facer 160 racións”.

Ademais, os animais melloraron moito dende o punto de vista sanitario. “Antes o veterinario viña todos os meses por incidencias de podoloxía e supuña un gasto superior aos 300 € por mes; agora só vén un par de veces ao ano por esta incidencia. Reducimos os gastos veterinarios ao redor dun 90%”. Respecto da calidade do leite, do 3'60 de graxa e 3'30 de proteína, pasaron co pastoreo a un 4'25 de graxa e a 3'40 de proteína. Antes, tratando aos animais, as células somáticas estaban en 250; agora, sen tratamentos, están en 160.

O cómputo final na SAT Margá é que pasaron duns custes de produción de 27 céntimos por litro cando traballaban en réxime intensivo; a uns gastos entre 18-20 céntimos por litro agora co pastoreo, sen contar man de obra. Óscar resúmeo así: “Antes producir 10 euros custábanos 9; hoxe, en pastoreo, producir 6 euros cústanos 2 e con moita máis calidade de vida”.

Marcos Veiga, Gandería Patalarga (A Pastoriza)

Marcos Veiga 2 

Daniel e Ángeles rexentan a Gandería Patalarga, en Miñotelo (A Pastoriza). A súa foi unha loita contracorrente do sector lácteo galego, tal e como nos relatou o seu fillo Marcos. Mentres que no seu entorno todas as granxas de leite evolucionaron cara a un modelo intensivo, investindo moitos cartos en mercar cota, en Patalarga apostaron por mercar terras para alimentar o gando. Así, fixéronse con 47'5 hectáreas e só chegaron adquirir 40.000 quilos de cota a 50 pesetas e non volveron mercar máis. Cando rematou o sistema de cotas, tiñan 417.000 quilos que foron cedidos pola Administración en distintas fases.. A pesar diso, ao principio traballaban nun réxime extensivo, até que foron sancionados dous anos con multas de 5.000 e 7.000 € por excederse da cota.

Tralas multas, decidiron levantar o pé do acelerador e reducir a cantidade de concentrado que lle daban ás vacas á metade, pasando de 9 quilos por vaca e día a 5 quilos. “A sorpresa foi que as vacas producían case a mesma cantidade de leite, pero consumían máis forraxes producidas na casa”. Tamén se reduciron os gastos veterinarios, pasando de 72 anotacións no libro de tratamentos cando estaban no grao máximo de intensificación a 21 no ano seguinte (12 delas por secados); e mellorou a fertilidade e lonxevidade das vacas.

En canto á produción, as vacas dánlles 440.000 litros de leite, cunha media de 7.295 litros por vaca e ano. Hoxe teñen unha cabana de 62 vacas adultas, con 55 para muxir e 15 xovencas para reposición. Agora, recrían menos e cruzan con raza Normanda, obtendo polos becerros unha media de 300-350 €, que equivalen aos cartos obtidos por 1.000 litros de leite.

En canto a forraxes, hai seis anos que deixaron de plantar millo. As vacas pastorean en fincas nun radio de 1 quilómetro da granxa e de noite dáselles herba verde nas cortes. Nos veráns secos e no inverno inclúese un suplemento de silo: cando pastan, 4 quilos de concentrado; e, sen pasto, 6 quilos de concentrado, 1 de palla e 1'5 de alfalfa e herba ensilada.

Con esta base, as contas dan: Teñen un prezo no leite de 30'55 céntimos (boa calidade diferenciada, con altos índices de Omega 3); a isto habería que engadirlle 3'93 céntimos por litro pola venda de becerros e 3'58 céntimos por litro da PAC, o cal dá uns ingresos de 37'06 céntimos por litro. En canto aos gastos, teñen uns custes de 25'68 céntimos por litro (incluída man de obra) que, coa venda de 448.661 litros ao ano (cifra de 2015) deixa unhas marxes netas moi positivas.

Ángel Rivas Lamas, Casa Codesal (Friol)

Angel Rivas 2 

A de Ángel Rivas é unha granxa ecolóxica en Vilapedre (parroquia da Devesa, Friol). En 2002, Casa Codesal era unha granxa leiteira como outras moitas de Galiza, con 2 UTAs e 252.300 quilos de cota. Daquela, sacábanlle ao leite unha marxe neta de 18 céntimos por litro pero, diante das previsións de baixada no prezo e do aumento dos custes de produción, decidiron dar o paso a producir en ecolóxico.

A transición foi progresiva e significou que, na alimentación do gando, pasaron dos 460 gramos de concentrado por litro de leite que consumía cada vaca en 2002 (3.250 quilos por ano) a 210 gramos en 2016 (1.338 quilos). En canto aos pastos, tiveron que facer importantes cambios, como favorecer a implantación de trevo como fonte de nitróxeno natural e aumentar o PH do solo coa aplicación de caliza magnesiana a razón de 1.500 quilos por hectárea os primeiros anos.

En cuestións sanitarias, co pastoreo diminuíron os problemas de patas, mamites e células. Por decisión propia, non vacinan nin desparasitan o gando agás excepcións. Tampouco hai tratamentos cirúrxicos de partos ou panza e o 90% das veces as vacas paren soas nos prados.

A produción ecolóxica de leite ten as súas particularidades, que Ángel resumiu nunha serie de fortalezas -prezo do leite máis alto, axudas agroambientais e de pago verde, maior satisfacción persoal e maior necesidade de aprendizaxe- e tamén de debilidades -menor produción por vaca, concentrados máis caros e suba doutros custes fixos como o gasóleo ou as amortizacións-. A marxe neta final varía de ano a ano, e no 2016 estivo ao redor de 23 céntimos por litro.

“Ao final, facemos algo que nos gusta; disfrutamos coas vacas, que foi o que nos ensinaron; cremos que facemos un produto de calidade; coidamos o medio ambiente na medida das nosas posibilidades; e as nosas portas están abertas a calquera gandeiro que queira compartir experiencias con nós”.

Xornada pastoreo