A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. Medio Rural e Agricultura substitúen a política leiteira por propaganda para maquillar os peores prezos da UE

Medio Rural e Agricultura substitúen a política leiteira por propaganda para maquillar os peores prezos da UE

9 de Xaneiro do 2018

Vacas frisoas

Nun alarde de optimismo, a Consellaría de Medio Rural comezaba o ano 2018 publicando un comunicado no que se xactaba de que Galiza era “a comunidade española na que máis medrou o prezo dende novembro de 2015”, enfeitando a aseveración cunha morea de cifras e mesmo atrevéndose a sacar peito na cuestión dos valores lácteos ao dicir que nese aumento quedamos por riba de comunidades veciñas Asturias ou Cantabria.

Por se non abondase semellante atrevemento dunha Consellaría que carece de políticas para o sector lácteo, resulta que os datos publicados polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) correspondentes a novembro de 2017-e nos que basea Medio Rural o seu panexírico sobre o prezo do leite- contradín os publicados pola Comisión Europea a través do Observatorio do Mercado do Leite (Milk Market Observatory-MMO): mentres que o Fega establece o prezo medio do leite en España en 33'4 céntimos, o dato do MMO, tamén para novembro de 2017, é de 31'93 céntimos.

En 2017 pecharon 400 granxas de leite na Galiza

Máis alá da veracidade ou falsidade dos datos do Fega, dende o Sindicato Labrego Galego só podemos lamentar que a Consellaría de Medio Rural teña a pouca vergonza de fachendear dos prezos que cobran as nosas granxas cando no ano que vén de rematar pecharon 400 explotacións na Galiza e, durante o período analizado (2015-2017), a nosa terra ocupou o primeiro lugar no podio do prezo máis baixo do Estado e un dos peores de Europa, aparte de sufrir unha das crises de prezos máis agudas da súa historia.

Temos un dos prezos máis baixos da UE

De que nos serve ser a comunidade na que máis sobe en porcentaxe o prezo do leite se as nosas granxas seguen cobrando por baixo dos custes de produción? Certo que o prezo do leite medrou máis poncertualmente na Galiza que en Asturias e en Cantabria; pero mentres as nosas granxas cobraron en novembro unha media de 32 céntimos, segundo os datos dubidosos do Fega, as asturianas ingresaron 35'2 céntimos por litro, e as cántabras 33'2. Se cruzamos os Pireneos, a comparación é deprimente, con prezos medios que superan os 36 céntimos en Francia e Bélxica, ou superiores aos 40 céntimos en Holanda, Alemaña ou Austria. É dicir, Galiza segue a ter o prezo máis baixo do Estado, xunto coas Baleares; ao tempo que España ten o prezo máis baixo da Unión Europea xunto a Portugal.

"Galiza segue a ter o prezo máis baixo do Estado, xunto coas Baleares; ao tempo que España ten o prezo máis baixo da Unión Europea xunto a Portugal"

As nosas granxas están perdendo 9 millóns de euros cada mes

Dispostas a facer cálculos como a Consellaría de Medio Rural, e sabendo que Galiza produciu 165.303 toneladas de leite en novembro de 2017, se as nosas granxas tivesen cobrado o prezo medio das asturianas terían ingresado máis de 5 millóns de euros adicionais do que cobraron por ese mes; se tivesen percibido o prezo medio da Unión Europea, 37'5 céntimos por litro, o incremento sería de 9 millóns de euros. Polo tanto, podemos dicir que as granxas galegas perderon de ingresar 9 millóns de euros en novembro de 2017 por non ter uns prezos acordes á media europea.

E un dato, a maiores, que igual lle interesa a Medio Rural e ao Ministerio de Agricultura: varias multinacionais leiteiras que operan na Galiza, aparte de non ter subido o prezo nos últimos meses, xa están anunciando novas baixadas para primavera.

Á vista dos datos, tanto o comunicado da Consellaría de Medio Rural como o informe do Fega veñen a demostrar que as responsables das políticas agrarias en Galiza e no Estado están máis preocupadas por maquillar a realidade que por facer algo para mudala e mellorala. Así nos vai.