A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. A Dirección do Leite do SLG analiza o sector coa presidenta da Inlac, Charo Arredondo, e con Juan Castro do CIAM

A Dirección do Leite do SLG analiza o sector coa presidenta da Inlac, Charo Arredondo, e con Juan Castro do CIAM

31 de Xullo do 2019

Encontro con Charo Arredondo

A Dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego e medio cento de gandeiros e gandeiras do sector reuníronse en Compostela, o 30 de xullo, coa presidenta da Interprofesional Láctea (Inlac), Charo Arredondo, e co investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), Juan Castro.

Charo Arredondo falou de diversas cuestións de actualidade relacionadas co sector lácteo, entre elas a dos baixos prezos que seguen dominando nas relacións comerciais entre granxas e industrias. Precisamente, Galiza e Cantabria (Arredondo é cántabra), son as dúas comunidades do Estado nas que o prezo medio do leite é o máis baixo: 31'3 e 31'4 céntimos por litro, respectivamente. Para a presidenta da Inlac, non serve de nada debater interminablemente sobre este tema se non se acordan solucións para atallalo. Neste senso, Charo Arredondo adiantou que, a partir do mes de setembro, tentará reunir aos diversos axentes que forman parte da Inlac (organizacións agrarias, cooperativas e industrias) para falar dos prezos e tentar atopar solucións de consenso para que, cando menos, cubran os custes de produción das granxas, cousa que agora mesmo non acontece.

Pola súa banda, Juan Castro centrou a súa intervención na normativa que obriga ás granxas de vacún a enterrar os xurros para reducir as emisións de amoníaco á atmosfera. En base ás súas propias indagacións e recompilación de datos, este investigador do CIAM demostrou que os principais emisores de amoníaco á atmosfera no Estado Español son comunidades como Castela e León e Catalunya e, en concreto, o sector do porcino intensivo. Este último, é o responsábel de case o 44% das emisións de amoníaco no Estado, mentres que o vacún de leite só emite o 9'9%. E aínda dentro do sector de vacún, as estatísticas non distinguen entre as explotacións que seguen un modelo intensivo e as que optan por outro máis sostible en base a pastoreo, polo que o dato tampouco é fiable.

Dende este punto de vista, non se entende que na Política Agraria Común (PAC), España forzase a introdución da obriga de aplicar os xurros enterrándoos con inxectores, cando a Unión Europea non obrigaba a iso, e cando os datos indican que as granxas que terán que acometer a obriga: as máis sostibles e que menos emisións causan porque ligan o seu traballo á base territorial, xa que son estas as únicas que poden pedir axudas da PAC.

Castro explicou que aínda estamos a tempo de impedir a aplicación desta normativa que non se aplica en ningún outro país da Unión Europea pero, até agora, só atopou a desidia do Ministerio de Agricultura -que nin sequera ten unha guía de boas prácticas para minimizar a emisión de gases para o sector lácteo- e da Xunta, que nin sequera presentou alegacións. Para Juan Castro, enterrar xurros para diminuír as emisións de amoníaco non ten ningunha base científica. De feito, hai boas prácticas no sector -como pasar a grade de discos cando se bota o xurro, ou estendelo cando orballa-, que son máis efectivas que os inxectores, maquinaria que xa adquiriron no CIAM para probala e que nos test realizados ficou demostrada a súa ineficacia.

Encontro con Charo Arredondo