A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. Terceiro día de acampada reivindicativa permanente por un prezo mínimo para o leite

Terceiro día de acampada reivindicativa permanente por un prezo mínimo para o leite

3 de Septembro do 2009

Cidadanía unida por un prezo xusto para o leite

Hoxe, xoves tres de setembro, cúmprese o terceiro día de acampada reivindicativa permanente do sector leiteiro na Alameda de Santiago de Compostela, acción marco das mobilizacións que están a ter lugar na Galiza dentro da “Semana europea polo prezo do leite” convocada polo Sindicato Labrego Galego, e polas demais organizacións integrantes da Coordenadora Europea Vía Campesina noutras rexións de Europa

Gandeiras e gandeiros das zonas de Muxía, Xallas, Compostela e A Estrada completan a quenda do día de hoxe, unha xornada que se está a ser especialmente dinámica e fortemente marcada pola complicidade da cidadanía.

Decenas de persoas adquiriron, só na mañá de hoxe, máis de cen litros de leite, secundando a iniciativa da caixa de resistenza lanzada onte polo Sindicato Labrego Galego. O leite subministrado provén, no día de hoxe, de explotacións de Xallas, Compostela e a Costa da Morte.

Dende o SLG queremos salientar as continuas mostras de apoio cidadán que estamos a receber durante esta semana de mobilizacións, persoas que amosan ademais un grande coñecemento tanto das reivindicacións do sector produtor coma das claves da crise que está a afundir as explotacións leiteiras na Galiza e en Europa.

A certeza de que o fin desta situación só pode vir da modificación das políticas leiteiras que nestes días se debaten nas institucións europeas, está a ser unha constante nos encontros que consumidoras/es e gandeiras/os están a manter na carpa da Alameda. A garantía para produtoras e produtores dun prezo mínimo para o leite, que cubra custos de produción e remunere o seu traballo, así como a modificación de acordos políticos como o aumento e a liberalización da produción, causas da actual situación do sector leiteiro, están a ser obxecto de debate coa cidadanía de Compostela.

A xornada continuará esta tarde co reparto de panfletos informativos e ca reunión coas organizacións sociais da Galiza, aberta tamén á cidadanía en xeral. Poremos en común ideas, reflexións e iniciativas para levar adiante con éxito a loita polo prezo do leite, unha reivindicación que, cada vez máis, a cidadanía galega levamos adiante unid@s, conscientes de que está en xogo económica e socialmente un dos piares fundamentais que nos caracteriza como pobo galego.

 Apoio cidadán á caixa de resistenza

Apoio cidadán á caixa de resistenza(2)

Apoio da cidadanía de Santiago de CompostelaAcampada reivindicativa na Alameda de Santiago de Compostela

as Marías (Santiago de Compostela)

Ás 20.30hrs  tivo lugar un encontro cas organizacións sociais da Galiza co obxectivo de artellarmos en común respostas que nos permitan avanzar cara a fin da crise na que se atopan arestora as explotacións leiteiras do noso país.
Dende o SLG valoramos moi positivamente, e queremos facer chegar o noso máis fondo agradecemento, o feito de que máis dunha ducia de organizacións estivesen representadas onte entre as aproximadamente  40 persoas asistentes ao encontro (a título individual ou como organización).
Partindo do eixo fundamental de que a verdadeira resolución da problemática do sector leiteiro ten que vir pola vía política, tanto o Sindicato Labrego Galego como as persoas e organizacións presentes, coincidimos na necesidade de levar tamén adiante iniciativas dende a cidadanía, propostas que traballaremos en concretar o máis rapidamente posíbel.

030909