A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. Unha suspensión de recollidas avalada pola Administración

Unha suspensión de recollidas avalada pola Administración

3 de Novembro do 2009

leite

A presión sobre as explotacións exercida polas industrias para conseguir o leite a baixo prezo semella terse voltado cada vez máis sofisticada. Algunhas industrias, caso de Celega, están empregando determinados parámetros de análise do leite como argumento para abandonar a recollida das explotacións galegas.

O instrumento empregado neste caso foron as análises de coagulación do leite (tamén chamadas probas de estabilidade ou acidez).

Ao longo do mes de outubro estivéronse realizando analíticas de estabilidade do leite nas explotacións segundo un procedemento que non se corresponde co esixido pola normativa vixente para este tipo de análises, que foi imposto pola citada empresa, negándose ademais a mesma a deixar constancia de ningún tipo da metodoloxía e do material empregados, mantendo nunha total indefensión á explotación á hora de contrastar os resultados que determinados por esta industria.

A Consellaría do Medio Rural, tendo coñecemento destas actuacións, fixo analíticas ela mesma, determinando a inexistencia dun problema de sanidade no leite, cuestión que lle foi transmitida verbalmente por técnicos da administración aos titulares da explotación.

A maiores, un laboratorio externo á industria e á explotación determinou que o mesmo leite que a industria rexeitara era apto para a comercialización, ao non presentar coagulación, segundo a norma existente.*

Dende o SLG requerimos á CMR que advertira á empresa da ilegalidade das prácticas desenvoltas que supuxeron a suspensión da recollida –e, polo tanto, perdas económicas continuadas- durante 27 días. O resultado foi a súa inhibición á hora de se posicionar diante da industria para garantir a recollida , o que supón un aval á chantaxe que exercen as industrias.

Esta estratexia clara de amedrantamento para deixarnos nas mans das industrias, a fin de que nos recollan o leite a calquera prezo, é a situación que vimos denunciando reiteradamente dende o SLG e que foi refrendada co acordo que nós rexeitamos asinar no pasado mes de xullo, e que lle garante ás industrias o abastecemento cando e como elas queren, mesmo empregando as analíticas como arma contra as explotacións.

Dende o Sindicato Labrego Galego queremos alertar da perigosidade que esta inhibición da Administración conleva tamén para a cidadanía, xa que a ambigüidade de criterio á hora de estipular a idoneidade do leite para ser comercializado favorece a determinación da mesma por parte das industrias, “xuíces” que obviamente teñen intereses no tipo de resultados a obter.

Con esta denuncia queremos por de manifesto a irresponsabilidade da Consellaría do Medio Rural ao non actuar como parte imparcial neste tipo de conflitos, abocando á parte máis débil, as explotacións, á ficar baixo as imposicións das industrias lácteas.

Dende o SLG non consentiremos este tipo de abusos por parte das industrias, avalados ademais pola Administración, e reafirmámonos na loita por un prezo xusto para o leite, que cubra custos de produción e nos permita vivir dignamente do noso traballo.