O certo é que os dous teñen razón: o PP ten razón cando culpa ao MAMRM da elaboración da normativa que rixe as novas axudas ás explotacións de leite e que deixa fóra ás da Mariña; e o PSOE ten razón cando fala da deixadez da Consellería por non ter defendido axeitadamente o sector diante do Goberno central.
O que denota esta situación, desde o noso ponto de vista, é o absoluto descoñecimento (probabelmente derivado dun profundo desprezo) que uns e outros teñen do sector lácteo e da comarca da Mariña. Pese a todos os problemas sufridos nos últimos anos, aínda a día de hoxe, o sector lácteo serve de soporte a un importante número de postos de traballo, e cría riqueza poñendo en valor os recursos da comarca. O máis acaído neste caso sería que uns e outros presionaran aos seus respectivos compañeiros/as de militancia con responsabilidades de goberno (aquí e aló) para que a evidente discriminación (que ambos partidos políticos recoñecen) non chegue a producirse.
E isto, ademáis de xusto, é posíbel: O Ministerio pode establecer unha excepcionalidade na aplicación da norma, como se fai no caso da Comunidade Autónoma das Illes Balears, que é considerada zona desfavorecida (sic) na totalidade do seu territorio; e a consellería pode, de haber vontade política, poñer encima da mesa os recursos necesarios para compensar ás explotacións discriminadas.
Pola nosa banda, o SLG está a organizar a demanda do proprio sector, en forma de escritos reivindicativos individuais, que están a asinar a práctica totalidade dos gandeiros e gandeiras afectadas, e que faremos chegar nas próximas datas ao Ministerio e á Consellería.