A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. O Sindicato Labrego Galego segue apostando por contratos con prezo nas negociacións da Inlac

O Sindicato Labrego Galego segue apostando por contratos con prezo nas negociacións da Inlac

13 de Outubro do 2010

Carme Freire na Inlac

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, participou hoxe, 13 de outubro, na reunión da Interprofesional Láctea (Inlac) co Ministerio de Agricultura para avanzar na creación dun contrato homologado que regularice as relacións comerciais entre as explotacións leiteiras e a industria.

Para Carme Freire, o encontro foi un avance, xa que todas as partes reunidas –organizacións agrarias e industrias- estaban de acordo en que debe haber contratos homologados, e en que estes teñen que ter un prezo negociado. Esta actitude supón un paso adiante xa que, ata hai pouco, o Sindicato Labrego Galego e a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) eran os únicos sindicatos que defendían contratos homologados en base a un prezo.

A pesares do devandito, houbo discrepancias en canto ao sistema que se vai utilizar para fixar ese prezo base (indexación). Neste senso, Carme Freire xa anunciou que o Sindicato Labrego defenderá, nos vindeiros encontros da Inlac, que as negociacións partan dun prezo base que cubra os custes de produción. Para o SLG, esta será unha condición indispensable para que os contratos poidan facerse obrigatorios para o sector produtor. Neste senso, Freire viaxará de novo a Madrid, a vindeira semana, para comezar a debater estes particulares nunha nova xuntanza da Inlac.

Carme Freire na Inlac 

Trala reunión, Carme Freire quixo enviarlle unha mensaxe á Ministra de Agricultura, Elena Espinosa, “para que non se desdiga e se manteña firme neste proceso de acadar un contrato homologado universal que fixe un prezo base para o leite”. Para Freire “ou hai unha aposta política clara para que todo este proceso teña referendo legal, ou todos estes esforzos por normalizar o sector leiteiro ficarán de novo nunha pantomima”. En relación a isto, a Secretaria Xeral do SLG criticou as declaracións do Ministerio de pretender que os prezos do leite poidan negociarse de maneira particular entre distintas organizacións e industrias. Pola contra, todos os membros da Inlac defenden que, para que todo o proceso de creación dun contrato homologado con prezo teña garantías, debe ser a propia Inlac o único órgano onde teñan lugar as negociacións. Polo tanto, as declaracións desta mañá da Ministra, Elena Espinosa, e da secretaria xerar de Medio Rural, Alicia Villauriz, deslixitiman á Inlac porque desprazan o proceso de negociación dos prezos fóra dela.