A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. A proposta da Comisión Europea para o sector lácteo aborta a posibilidade de negociar prezos dignos para o leite

A proposta da Comisión Europea para o sector lácteo aborta a posibilidade de negociar prezos dignos para o leite

10 de Decembro do 2010

Comisario de Agricultura, Dacian Ciolos

O Sindicato Labrego Galego considera un absoluto retroceso a proposta da Comisión Europea de permitir a creación de agrupacións de produtores para negociar os prezos do leite coas industrias. En primeiro lugar, esta medida suporá a fragmentación do poder negociador dos produtores e produtoras de leite, deixando un panorama no que cadaquén vai tirar polos seus intereses particulares e non polos intereses colectivos do sector. A segunda consecuencia é que, unha vez que se fragmente o poder negociador do sector leiteiro e desapareza a negociación colectiva, será imposible acadar un prezo mínimo universal para o leite que cubra os custes de produción e os salarios de todas as explotacións que aínda seguen en activo.

Se unha proposta deste tipo se aplicase noutros sectores laborais, os traballadores e traballadoras non terían a posibilidade de ter convenios colectivos nin salario mínimo interprofesional que, por lei, calquera empresa está obrigada a cumprir.

Por todo isto, o Sindicato Labrego Galego anuncia a súa frontal oposición a esta proposta de reforma da política leiteira na Unión Europea, pois a imposibilidade de fixar un prezo digno para o leite suporá que seguirán a pechar, de xeito masivo e paulatino, miles explotacións. De seguir adiante esta proposta de reforma da política leiteira, deixaría nas gadoupas da gran distribución e das industrias, unha vez máis, aos produtores e produtoras, a quen se lle seguirán impoñendo prezos de miseria; e aos consumidores e consumidoras, que se farán aínda máis vulnerables ás marxes abusivas e aos produtos que lles impoñan unhas poucas multinacionais. Se a esta proposta de reforma da política leiteira lle sumamos a da Política Agraria Común que Bruxelas está argallando para o 2013, co desmantelamento do control produción e, polo tanto, de calquera mecanismo que garanta un equilibrio entre a oferta e a demanda, entón teremos diante nosa un panorama catastrófico con caídas aínda maiores dos prezos no sector.