A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. Posición da Coordenadora Europea da Vía Campesina diante da proposta de reforma do sector leiteiro da Comisión Europea

Posición da Coordenadora Europea da Vía Campesina diante da proposta de reforma do sector leiteiro da Comisión Europea

16 de Decembro do 2010

Leite

Proporcionar un sector leiteiro liberalizado ás industrias lácteas, aos grupos interprofesionais e agrupacións de produtores e produtoras non vai resolver a crise da produción leiteira que segue habendo. O primeiro que necesitan os produtores e produtoras é unha política pública europea forte que regule a produción e o mercado e que impulse as rexións agro-climáticas produtoras de leite.

A pesares de que o meirande dos produtores e das produtoras seguen a vender o leite a prezos inferiores aos custes de produción e de que moitas granxas leiteiras foron á creba ou están tratando de sobrevivir na pobreza, a Comisión Europea propón unha retirada da Unión Europea, unha privatización da política leiteira, ao deixar ao sector en mans dos seus actores nun mercado desregulado pero deslexitimado pola crise mundial.

A Unión Europea reacciona ante as importantes mobilizacións dos produtores e produtoras nos últimos dous anos levándoos á trampa da co-xestión do sector, no que sempre haberá menos industrias lácteas e cadeas de supermercados que agrupacións de produtores e produtoras, especialmente coas limitacións propostas para estes últimos. Unha agrupación de produtores e produtoras non terá o peso suficiente de cara á industria e a gran distribución mentres a produción estea desregulada e os prezos dependan dun mercado internacional determinado por unha pequena parte da produción1. No caso do sector das froitas e das hortalizas, onde é obrigatorio formar parte dunha agrupación de produtores e produtoras para poder obter subvencións da Unión Europea, demostra que a formación de agrupacións non impide a caída dos prezos de produción.

As cooperativas leiteiras que, supostamente, aumentan o poder do mercado dos produtores e produtoras, controlan máis da metade da produción europea. En Dinamarca e nos Países Baixos hai, practicamente, un monopolio dunha cooperativa e iso non impediu a crise leiteira en ámbolos dous países. As cooperativas grandes, que transcenden as fronteiras nacionais, adoito non pagan aos seus produtores e produtoras mellor que as centrais leiteiras privadas. Como non se ven afectadas polas restriccións propostas para as agrupacións de produtores e produtoras en nome da competencia, queren manter o seu oligopolio ou monopolio. A proposta podería prexudicar ás pequenas cooperativas.

En canto aos grupos interprofesionais, o exemplo de España e Francia amosa que non puideron impedir a crise leiteira.

Os contratos entre o sector produtora e as industrias lácteas na forma proposta serán prexudiciais para os produtores e produtoras mentres non haxa un regulamento europeo da produción e do mercado. Constitúen, sobre todo, unha solicitude da industria, que quere asegurarse a súa recadación, e para especular nos mercados de futuros. Para algunhas industrias leiteiras, o peche de moitas explotacións por mor da crise ou o traslado a outros cultivos (coma o millo con destino a fabricar biogás en Alemaña) no fai senón que aumentar os temores de escaseza de subministro.

No informe que acompaña a proposta, a Comisión menciona ao final que “podería considerarse como outro instrumento para estabilizar o mercado e como unha medida excepcional (..l.) unha cláusula aplicable en caso de perturbación do mercado, que permitiría aos produtores e produtoras de leite, de maneira voluntaria, reducir os envíos a cambio dunha compensación”. Recoñécese que a política leiteira desregulada e sen control da produción podería conducir a novas crises. É unha proposta en contra dos aumentos da cota europea e coa súa desaparición programada. En lugar da redución proposta, a expensas dos e das contribuíntes, abondaría con reducir a cota europea.

A Comisión, que debería dar prioridade aos intereses da cidadanía europea, favorece os intereses da industria e do comercio, co que lle resulta moi agresivo para penetrar no mercado de produtos leiteiros de Canadá nas actuais negociacións comerciais UE-Canadá, ao tratar este último preservar, con moita razón, o control da súa produción.

Manter esta prioridade de exportación, mentres que a UE, máis alá de queixos de calidade, non é “competitiva”2 e necesita importar masivamente soia para alimentar a gandería intensiva, é destrutivo para os produtores e produtoras de Europa e de terceiros países.

Manter a reestruturación da produción como un obxectivo (páxina 7 do informe) en relación coa supresión dos continxentes e, ademais, falar sobre o tema dos territorios rurais na comunicación da PAC é contraditorio. Moitas zonas desfavorecidas, que dependen dunha produción leiteira labrega multifuncional, sostible e beneficiosa para o territorio, corren o risco de ver como a produción se concentra nas rexións onde os custes de produción son menores e onde as grandes explotacións se benefician de contratos favorables ás industrias lácteas.

Cómpre unha verdadeira política pública leiteira en Europa que aborde as causas da crise. Confiar nun sector dentro dun marco liberalizado é fomentar novas crises agrícolas.

 

1Só o 6% da produción mundial está no mercado internacional

 

2Mnetres os prezos do leite estean por debaixo dos custes de produción e mentres que as exportacións se fagan a prezos por debaixo do custe da produción europea, non poderemos falar de competitividade: iso só funciona con subsidios para a exportación ou con axudas directas.