A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. Acordo UE sobre o paquete leite: a próxima crise europea está anunciada

Acordo UE sobre o paquete leite: a próxima crise europea está anunciada

8 de Decembro do 2011

Isabel Vilalba en Bruxelas

O Sindicato Labrego Galego denuncia que o acordo entre Comisión e Parlamento europeos e o Consello de Ministros deixa ao sector lácteo totalmente en mans da industria. O acordo adoptado o 6 de decembro renuncia a crear mecanismos para que os produtores e produtoras de leite teñan prezos estables e que permitan integrar as subas nos custes de produción.

Por parte das institucións europeas recoñeceuse o desequilibrio na cadea de valor e a desigualdade do poder de negociación entre produtores e produtoras, por unha banda, e a industria, pola outra. Pese a iso, no se acordaron medidas para unha regulación da produción e do mercado que permita manter explotacións leiteiras en todo o territorio europeo, os postos de traballo e o tecido económico e social que se xera arredor deste sector gandeiro; deixando, unha vez máis, o poder de impor as condicións das relacións comerciais en mans da industria. Sorprenden todas as limitacións que se poñen na dimensión das organizacións de produtores e produtoras, cando en fronte hai grandes multinacionais do leite como Lactalis ou outras que conseguen impor prezos e condicións en diferentes países.

A reforma atenta contra os produtores e produtoras

Esta reforma agravará a desaparecición miles de gandeiros e gandeiras en moitas zonas europeas como Galiza, á vez que aumentará a concentración da produción en granxas cada vez máis industrializadas, apostando un modelo de produción cada vez máis intensivo que xera alimentos de peor calidade. En determinadas zonas como o norte de Alemaña, xa se constatan graves problemas por contaminación de nitratos en terras e augas. Na mesma data na que se deu a coñecer esta reforma, e tamén en Bruxelas, o Grupo Consultivo do Leite fixo público o dato de que máis de 25.000 persoas morren cada ano na UE polas resistencias a antibióticos, de amplo uso en saúde humana e veterinaria. Avanzar neste modelo industrializado atenta contra os produtores e produtoras, e contra a cidadanía en xeral.

Isabel Vilalba presentou ante o Grupo Consultivo do Leite as propostas do SLG e da Coordinadora Europea da Vía Campesina

Na xuntanza do Grupo Consultivo, un representante da Comisión Europea presentou a proposta de contractualización feita ao servizo da gran industria leiteira. Isabel Vilalba Seivane, membro da Executiva do Sindicato Labrego Galego e do comité da Coordinadora Europea Vía Campesina, demandoulle ao representante da Comisión nesta xuntanza mecanismos para que nos contratos figure un prezo mínimo que permita integrar as subas nos custes de produción e unha remuneración xusta polo traballo, que se arbitre un sistema para cando non haxa acordo entre as partes, sen que o prezo sexa imposto pola industria, e que aos produtores e produtoras se lles garanta non ter que asinar un contrato co que non están de acordo.

No apartado informativo sobre a situación do mercado, Isabel Vilalba tamén denunciou os baixos prezos que están a impor as industrias nalgunhas zonas como Galiza, así como o feito de que, fronte ao aumento de produción en países como Alemaña, Francia ou Irlanda e unha gran incerteza na saída do produto ao mercado, non se trate de tomar medidas para evitar unha crise futura. Por outra parte, o Sindicato Labrego Galego rexeita que se deixe ás cooperativas fóra dos mecanismos de contractualización, xa que teñen unha importante recollida de leite e moitas veces impoñen, na práctica, condicións igual de agresivas para os produtores e as produtoras cás outras industrias.
Sen un sistema de control público da produción que garanta unha adaptación entre a oferta e a demanda, os produtores e produtoras enfrontaranse a unha gran volatilidade de prezos e á ruína de miles de explotacións. Non é aceptable tampouco que neste momento a Comisión non dispoña dun estudo actualizado do impacto que podería ter o final del sistema de cotas no 2015.
Valoramos positivamente sen embargo que cambiasen algunhas normas da competencia para negociar o prezo do leite, tal e como sempre sostivo o Sindicato Labrego Galego. Neste senso, o SLG pediu que se recoñeza a importancia do leite como un produto alimentario básico, que non pode deixarse abandonado á ditadura dos mercados. No SLG pensamos que o mantemento da regulación da produción para as indicacións xeográficas protexidas é positiva, aínda que cos mesmos criterios debería estenderse á totalidade do mercado do leite.
Fronte á desaparición de miles de explotacións en moitas rexións europeas, e de miles de empregos asociados a elas, a UE prefire apoiar os intereses da gran industria, sen pór medidas para controlar as exportacións por debaixo dos custes de produción e con dumping que arruínan aos produtores e produtoras de leite en Europa e en terceiros países.
Desde o Sindicato Labrego Galego sumámonos á petición que a Coordinadora Europea Vía Campesina lle fai ao Parlamento Europeo e ao Consello para que non ratifiquen este acordo, e traballen en mecanismos que garantan prezos que lles permitan vivir dignamente do seu traballo a todos os produtores e produtoras de leite, así como o mantemento dunha produción de leite sostible en Galiza, así como nas diferentes rexións europeas.