A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. A Consellaría de Medio Rural despreza ao sector lácteo e négase a escoitar as denuncias pola extorsión dos contratos obrigatorios sen prezo

A Consellaría de Medio Rural despreza ao sector lácteo e négase a escoitar as denuncias pola extorsión dos contratos obrigatorios sen prezo

24 de Febreiro do 2012

Contrato-Atraco

Un cento de produtores e produtoras de leite afectados/as pola nova baixada de prezos imposta, de xeito unilateral, por algunhas industrias como Río ou Celta, manifestáronse hoxe, 24 de febreiro, diante da Consellaría de Medio Rural. Ademais de denunciar a baixada de prezos, tamén se protestou polo decreto do Ministerio de Agricultura que obriga ás explotacións a asinar contratos de compravenda coas empresas, sen que estas estean obrigadas a asegurar un prezo mínimo por baixo do cal non se poida baixar, e so pena de que os gandeiros e gandeiras perdan as axudas da Política Agraria Común (PAC). A secretaria xeral do SLG, Carme Freire, non o dubidou á hora de cualificar a obrigatoriedade dos contratos sen garantía de prezo como “unha auténtica extorsión a todo o sector lácteo”.

Este acto de denuncia tería transcorrido con normalidade de non ser pola negativa da Consellaría de Medio Rural a recibir a unha comitiva de gandeiros e gandeiras para expoñer estes problemas. A pesares de terlle solicitado esa entrevista ao director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, hai unha semana, o SLG non recibiu resposta algunha. Así e todo, un grupo de representantes dos e das manifestantes, no que tamén estaban Carme Freire, e a responsable do sector leiteiro do SLG, Lupe Prado, tentaron manter ese encontro trala concentración. Mais, a pesares de pedirllo cara a cara e de xeito verbal a Álvarez Robledo na porta do seu despacho, este negouse en redondo a recibir aos e ás sindicalistas e profesionais do sector lácteo e marchou sen sequera dedicar un minuto a escoitar as súas queixas e problemáticas.

A actitude do director xeral de Produción Agropecuaria e da Consellaría de Medio Rural supón un monumental desprezo a todo un sector lácteo que esta a pasar por unha das súas peores crises por mor das constantes subas dos custes de produción e dos prezos á baixa; crise que na que existe unha clara responsabilidade política, tanto do Ministerio de Agricultura como da Consellaría de Medio Rural, que lexislan e xestionan sempre para que as industrias obteñan o máximo lucro a conta de minguar, cada vez máis, as rendas dos labregos e das labregas.

Esta situación crítica vaise agudizar agora por mor de medidas políticas manifestamente erróneas, como a de obrigar a asinar contratos entre industrias e explotacións sen que haxa un prezo mínimo de referencia e, por riba, sen que a Unión Europea obrigue a facelo, pois depende da vontade de cada estado membro.

Precisamente, estes contratos obrigatorios son os que dan azos agora a industrias como Río ou Celta, que veñen de impoñer unha baixada de 1 céntimo por litro no leite comprado no mes de xaneiro, sen previo aviso ás explotacións, e ameazando con que esa baixada se irá incrementando nos vindeiros meses. E iso a pesares de que o valor do leite en Galiza é o máis baixo do Estado e un dos máis baixos da Unión Europea. Mais non lles importa: saben que contan co apoio cómplice da nosa clase política e das súas leis para extorsionar a todo un sector.

Concentración 

 

 

undefined