A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. Carme Freire e Lupe Prado representarán ao SLG na xuntanza de hoxe entre as organizacións agrarias e Feijóo

Carme Freire e Lupe Prado representarán ao SLG na xuntanza de hoxe entre as organizacións agrarias e Feijóo

4 de Xuño do 2012

Non hai imaxe

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, e a responsable da Dirección do Leite do SLG, Lupe Prado, acudirán á xuntanza de hoxe, 5 de xuño, que manterán as tres organizacións agrarias galegas co presidende da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Este encontro será ás 13:30 horas, no despacho presidencial situado no complexo administrativo de San Caetano, en Compostela.

A reunión producirase despois de que as organizacións agrarias lle remitisen a Feijóo, o pasado 21 de maio, unha carta na que se lle pedía que “liderase a procura de solucións, diante do Goberno central, para sacar o sector lácteo galego do risco certo de estrangulamento financeiro, por mor dunha escalada dos custes de produción combinada cunha baixada dos prezos que os gandeiros galegos perciben por parte das industriais”.

Na comunicación, as organizacións agrarias lembrábanlle a Alberto Núñez Feijóo a importancia de manter unha reunión para avanzar no acordos tomados na Mesa do Leite do pasado mes de abril, co obxectivo de corrixir unha tendencia que pode resultar letal para un sector que como o lácteo aporta a día de hoxe 56.000 empregos.

Neste sentido, é fundamental que o consenso de industria, produtores e administración de o froito dunha postura común diante da distribución que é a que impide que as explotacións galegas, a pesar de ter un mercado de proximidade deficitario de leite, vexan como as francesas perciben case que un 10% máis de prezo a pesar de estar nun marco claramente excedentario.

Para os sindicatos, os gandeiros e as gandeiras de Galicia precisan que a Xunta lles esixa aos Ministerios de Agricultura e de Economía que metan en cintura a distribución francesa e alemá para nos deixe de tratar como o sumidoiro para a súa produción láctea a costa de arruinar a zonas produtoras como Galicia.

Ficheiro adxunto