A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. O SLG agarda que o Consello de Ministros do 25 de xaneiro non aborte a aspiración do sector lácteo galego a ter un prezo digno para o leite

O SLG agarda que o Consello de Ministros do 25 de xaneiro non aborte a aspiración do sector lácteo galego a ter un prezo digno para o leite

18 de Xaneiro do 2013

Isabel Vilalba Seivane

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, participou, o 18 de xaneiro, na xuntanza da comisión de seguimento dos acordos que se acadaron no sector lácteo galego trala folga de entregas de novembro.

Isabel Vilalba destacou o acordo unánime entre a Xunta e as organizacións agrarias para introducir unha alegación na Lei da Cadea Alimentaria, que se someterá ao Consello de Ministros do 25 de xaneiro. A alegación presentada polo sector en Galiza pretende que se introduza na configuración do prezo do leite o concepto de custes de produción, de maneira que se modifique a lexislación para que ningún prezo poida baixar deste referente. Deste xeito, o prezo debería cubrir os custes de produción e remunerar de xeito digno o traballo.

Para o Sindicato Labrego Galego vai ser determinante a decisición que adopte o Consello de Ministros do 25 de xaneiro e que se cumpra o compromiso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de facer valer o seu peso político para que esta alegación sexa aceptada.

Outra das cuestións que subliñou Isabel Vilalba nesta xuntanza foi a necesidade de ver o compromiso da industria de subir os prezos só como unha solución conxuntural e a curto prazo. Neste senso, a secretaria xeral do SLG lembrou que seguimos expostos á arbitrariedade das decisións que tome a industria de xeito unilateral, e apostou por camiñarmos cara a xeitos de traballar esta cuestión como a fixación de prezos mínimos a través da negociación colectiva ou de sistemas de indexación, como o que elaborou a Universidade de Santiago a petición da Interprofesional Láctea (Inlac).

O Sindicato Labrego tamén aproveitou esta xuntanza para facer as súas achegas á Lei de Mellora da Estrutura da Terra Agraria de Galicia, pois se trata dun texto fundamental para o desenvolvemento e futuro dos diversos sectores agrogandeiros, incluído o lácteo, que se debaterá máis a fondo na seguinte xuntanza. Para Isabel Vilalba, esta lei debería protexer o solo de uso agropecuario; e dinamizar a mobilidade de terras con arrendamentos, permutas, bancos de terras e outro tipo de instrumentos. Todo dirixido a que as explotacións poidan dotarse de suficiente base territorial como para facer rendible a súa actividade e favorecer a incorporación de xente moza á profesión agraria.

Ademais, a secretaria xeral do SLG tamén introduciu a necesidade de mellorar o financiamento das explotacións mediante convenios máis ambiciosos e efectivos que os actuais coas entidades bancarias; ou solucionar os problemas xerados por primeiros compradores como a empresa Lácteos Tambre, que deixan sen pagar o leite en orixe con total impunidade por falla de liquidez, agravando a crítica situación económica de centos de explotacións.