A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. O SLG pide a convocatoria da mesa do leite para rematar cos abusos e prácticas mafiosas das industrias lácteas

O SLG pide a convocatoria da mesa do leite para rematar cos abusos e prácticas mafiosas das industrias lácteas

8 de Febreiro do 2013

leite

Os compromisos aos que chegaron os diversos axentes do sector lácteo trala folga de entregas de novembro, serviron para demostrar, unha vez máis, a falta de palabra das industrias lácteas, que só entenden de maximizar o seu lucro aínda que sexa a costa do afundimento do sector.

Se un dos compromisos adoptados era o de ir subindo o prezo do leite até que este cubra, cando menos, os custes de produción nas explotacións; dende o SLG constatamos que, dende novembro, o valor do leite en orixe tivo unha recuperación mínima de 1 céntimo, estancándose neste nivel en decembro, de maneira que o litro de leite na Galiza está agora a 31 céntimos, moi lonxe dos 40 céntimos que custa producilo. Ademais, o diferencial do prezo de Galiza co resto de comunidades do Estado aumentou neste período.
O peor, é que as industrias tentan impoñer estes prezos de miseria aproveitándose dos contratos, que redactan con letra pequena e condicións leoninas. Se hai unhas semanas o Sindicato Labrego Galego denunciaba que Leite Río e Lactalis pretendían obrigar a asinar contratos retroactivos para pagar o leite do último trimestre de 2012 a prezos miserentos, agora o repertorio desta tentativa de estafa masiva e contractual aumentou. Vexamos algúns exemplos que puido constatar o Sindicato Labrego:

  • Nos contratos pon que o prezo se acorda entrambas partes, cando vén previamente imposto pola industria sen posibilildade de negociación.
  • Nos contratos pon que o produtor ou produtora renuncian á duración anual do mesmo. A lei obriga a que os contratos sexan anuais a non ser que o produtor ou produtora queira unha duración inferior. Neste caso, as industrias introducen cláusulas nas que se atopa esa renuncia por parte da explotación e os contratos se fan trimestrais.
  • Moitos contratos impiden unha variación de entregas ±2% mensual, variación que é imposible cumprir.
  • O SLG tivo acceso a modelos de contrato dunha industria que poñía como mediadora en caso de incumprimento a un ente do máis neutral: a Cámara de Comercio de Madrid.

Diante desta actitude das industrias, que dende o SLG xa denunciamos nas últimas semanas, solicitamos a convocatoria urxente da Mesa do Leite para esixir o cumprimento dos acordos acadados trala folga de entregas de novembro. Ademais, o Sindicato Labrego Galego demandará da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura que saian da súa parálise e impulsen e aproben xa as medidas lexislativas necesarias -nomeadamente a Lei da Cadea Alimentaria- para poñer couto ás prácticas mafiosas da industria e para garantir a supervivencia e continuidade dos miles de labregos e labregas que aínda teñen o seu medio de vida na produción de leite ou de calquera outro produto agropecuario.