A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. As políticas agresivas de Lactalis e a inhibición da Xunta fan que se incumpran os acordos de novembro no sector lácteo

As políticas agresivas de Lactalis e a inhibición da Xunta fan que se incumpran os acordos de novembro no sector lácteo

22 de Marzo do 2013

Xosé Ramón Cendán

O Sindicato Labrego Galego ofreceu unha rolda de prensa, o 21 de marzo, xunto ás outras organizacións agrarias, para denunciar as políticas comerciais agresivas de Lactalis, que está impulsando de xeito unilateral unha baixada no prezo do leite de 6 € por tonelada (algo máis de medio céntimo por litro).

Isto prodúcese cando os prezos deberían seguir subindo para cumprir os compromisos acadados no sector trala folga de entregas de novembro de 2012. A dia de hoxe, aínda que recuperamos parte do diferencial, as explotacións galegas seguen a cobrar menos polo leite que no resto do Estado. Para Xosé Ramón Cendán, membro da Executiva do Sindicato Labrego que participou na rolda de prensa, “isto é totalmente inaceptable nun contexto no que os prezos do leite en orixe e nos mercados europeo e mundial estanse a manter e mesmo a subir, e cando nin sequera solucionamos a discriminación de termos un diferencial negativo no valor do leite con respecto a outras comunidades. Lactalis debe dar marcha atrás e, en troques de baixar, ten subir os prezos con dous obxectivos claros e inequívocos: primeiro, igualar os prezos do leite en Galiza co resto do Estado; e segundo, tentar cubrir os custes de produción”. Neste senso, Cendán lembrou que no Diccionario de Comercio Internacional, vender por baixo dos custes aparece tipificado como dumping, práctica distorsionadora do mercado e, polo tanto, que atenta contra as normas de competencia.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia deshiníbese do problema e favorece coa súa pasividade as industrias, relegando os compromisos coas explotacións lácteas galegas. Por iso, as tres organizacións agrarias volverán reclamar do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que asuma os seus compromisos e os leve á práctica con valentía e cunha vontade clara de apoiar ao sector produtor. Estes compromisos deben seguir sendo os seguintes:

  1. Que a Lei da Cadea Alimentaria inclúa no seu articulado que os prezos non poidan estar por baixo dos custes de produción, proposta da que participara Feijóo. Agora mesmo, a intención é que isto figure no preámbulo da lei, que non é vinculante e non obriga a nada. O presidente da Xunta debe exercer presión sobre o Ministerio de Agricultura para que un artigo da lei estableza esta prohibición. O contrario sería facerlle o xogo á industria e ás distribuidoras en contra dos intereses das explotacións, e iso e algo que non imos admitir baixo ningún concepto.

  2. Que a Xunta asuma a arbitraxe como obriga no caso de non haber acordo entre productor e industria nos contratos obrigatorios e sobre o prezo que figura neles. Neste intre, non existe negociación e os contratos son só documentos redactados polas industrias e coas condicións e prezos que máis lles conveñen. Pola contra, o SLG defende que os prezos deben ser negociados entre ambas partes e nunca por baixo dos custes de produción. Para o SLG, a Administración non pode autoexcluírse deste proceso.

  3. Que a Consellaría de Medio Rural poña en marcha todas as medidas prometidas para facilitar o acceso das explotacións a máis base territorial para abaratar custes. Proceso que xa naceu, pero que actualmente esta paralizado