Un cento de produtores e produtoras de leite afectados/as pola nova baixada de prezos imposta, de xeito unilateral, por algunhas industrias como Río ou Celta, manifestáronse hoxe, 24 de febreiro, diante da Consellaría de Medio Rural. Ademais de denunciar a baixada de prezos, tamén se protestou polo decreto do Ministerio de Agricultura que obriga ás explotacións a asinar contratos de compravenda coas empresas, sen que estas estean obrigadas a asegurar un prezo mínimo por baixo do cal non se poida baixar, e so pena de que os gandeiros e gandeiras perdan as axudas da Política Agraria Común (PAC). A secretaria xeral do SLG, Carme Freire, non o dubidou á hora de cualificar a obrigatoriedade dos contratos sen garantía de prezo como “unha auténtica extorsión a todo o sector lácteo”.
A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, ofreceu hoxe, 14 de febreiro, unha rolda de prensa para poñer de manifesto as demandas que diante do ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete, fará o vindeiro xoves, 16 de febreiro, na xuntanza que este manterá coa Interprofesional Láctea (Inlac), e na que Freire, xunto a Charo Arredondo, representará á Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG).
O Sindicato Labrego Galego vén de constatar o cambio de empresa de recollida por parte de varias explotacións que lle fornecían a Leite Río na comarca de Betanzos. A baixa producíase ao sospeitar estas explotacións que os sistemas de medición das cisternas da industria devandita poderían estar computando menos cantidade de leite que a recollida realmente.
Unha comitiva do Sindicato Labrego Galego reuniuse hoxe, 26 de xaneiro en Compostela, coa conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, para trasladarlle o problema de impagos que están a sufrir moitas explotacións na Galiza por parte das empresas que lles recollen o leite como Lácteos Tambre, Queixería Macán ou Eugenio Rey. A delegación do SLG estivo formada pola secretaria xeral da organización, Carme Freire; a responsable da Dirección do Leite, Lupe Prado; e catro gandeiras afectadas.
A empresa Celega, que se dedica á fabricación de queixos e á compravenda de leite na súa factoría do Saviñao (Lugo), vén de remitir un modelo de contrato ás explotacións que lle subministran co que pretende comprometelas a entregar todo o leite que produzan (cunha marxe ±10%) durante quince meses, e a comunicar con tres meses de antelación o remate da relación contractual.