A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Vacún de Carne>
  5. Ábrese o diálogo na carne de vacún trala convocatoria da primera mesa do sector

Ábrese o diálogo na carne de vacún trala convocatoria da primera mesa do sector

30 de Xaneiro do 2007

Mesa da carne

A Consellaría de Medio Rural convocará unha nova xuntanza en breve para comezar a tratar os problemas deste eido da nosa produción gandeira.

O 10 de xaneiro, representantes da Dirección Nacional da Carne de Vacún deron unha rolda de prensa para facer públicos os temas tratados na última xuntanza deste órgano do SLG. En concreto, falaron en nome da Dirección o seu responsábel e vogal na IXP Tenreira Galega, Xosé Álvarez Lombardero; o responsábel sindical dos sectores gandeiros, Xabier Gómez Santiso; e o seu homólogo en carne de vacún, Elías Somoza. Semanas despois, o 1 de febreiro, Somoza e Santiso volverían comparecer diante dos medios de comunicación para facer pública a posición diante da Mesa da Carne, prevista para o 9 de febreiro. 

Aínda que a Mesa da Carne habíase celebrar na data prevista, non deu pé a debater ningún dos temas tratados publicamente polo SLG, xa que se limitou a ser unha primeira toma de contacto entre os axentes deste foro do diálogo. Por iso, os representantes do Sindicato Labrego na Mesa da Carne, Elias Somoza e Xabier Gómez Santiso, terán que deixar para máis adiante a defensa das posicións da organización.

Precisamente, unha das posicións destacábeis que ían defender era a referida ao proxecto de cebo de frisón da Xunta de Galiza que, se ben nun primeiro intre propiciou o rexeitamento e as críticas do SLG, agora se valora positivamente. Este cambio de opinión débese a que as intencións de medio rural son as de facilitar que as explotacións leiteiras poidan cebar becerros da raza Frisona en extensivo e en base á terra, con complementos alimenticios naturais.

O SLG, que se amosou en principio contrario á creación de macrocebadoiros de tipo industrial que botarían por terra os prezos e a calidade da nosa carne de vacún, valora positivamente a orientación que a Consellaría de Medio Rural lle quere dar a esta actividade. O certo é que, ata o de agora, boa parte dos nosos becerros frisóns vendíanse para ser cebados en Cataluña, para despois vir boa parte deles de volta para Galiza para ser certificados nos matadoiros de aquí. Por iso, é positivo un cebo de frisón extensiva que proporcione un complemento ás rendas das explotacións leiteiras e deixe o valor engadido desta actividade no noso país.

Outro dos temas que o SLG tratará na Mesa da Carne será demandar mecanismos que garantan a transparencia das pesadas e clasificación das reses nos matadoiros. Hoxe en día, existe a sospeita de que algúns matadoiros manipulan a clasificación e os pesos das reses que sacrifican para variar o prezos ao seu favor. Segundo Gómez Santiso "non hai argumentos que demostren isto, pero tampouco os hai que proben o contrario, e o desexable sería que se puidese garantir a limpeza e obxectividade destes procesos de pesado e clasificación".

En canto aos prezos, Santiso e Somoza dixeron que estamos nunha conxuntura histórica, xa que había tempo que o valor da carne de vacún non estaba tan alto, polo menos dende a crise das vacas tolas. "Queixarse agora dos prezos sería absurdo", afirmou Gómez Santiso, "pero sería importante que os valores que temos hoxe en día se manteñan. E para iso, habería que ir establecendo mecanismos de transparencia na comercialización para garantir este nivel de prezos no futuro, e para xerar rendas dignas nas explotacións".