A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Vacún de Carne>
  5. O Sindicato Labrego avoga por que se lles permita ás explotacións gandeiras identificar o seu propio gando e opoñerase á privatización do servizo

O Sindicato Labrego avoga por que se lles permita ás explotacións gandeiras identificar o seu propio gando e opoñerase á privatización do servizo

9 de Outubro do 2010

Xato cos crotais de identificación

A Consellería de Medio Rural vén de modificar o servizo de identificación do gando, quitándolle a SEAGA a encomenda que tiña ata de agora na realización deste labor. O sistema de identificación de gando que hai en Galiza está recoñecido coma un dos mellores da Unión Europea; por iso, e diante das mudanzas que se aveciñan, o Sindicato Labrego Galego defenderá un sistema de identificación que manteña ese nivel de calidade e cumpra as seguintes condicións:

1.      Permitir e facilitar que todas as explotacións gandeiras que o desexen poidan marcar o seu propio gando. Os gandeiros e as gandeiras teñen a responsabilidade última no proceso de identificación e, polo tanto, son os primeiros interesados en que o sistema funcione. Ademais, permitir que sexan os propios titulares das explotacións quen identifiquen o seu gando facilitará moito o manexo das cabanas gandeiras, sobre todo aquelas que están en réxime extensivo.

2.      O Sindicato Labrego Galego reclama que o servizo de identificación de gando siga sendo público, con independencia de que o faga SEAGA ou outra empresa capacitada; un servizo público que identifique e coloque os crotais ás reses naquelas explotacións nas que os seus titulares non poidan facelo. O SLG oponse á privatización deste servizo e a que as explotacións que non marquen directamente o gando se vexan obrigadas a pagarlle a empresas privadas por algo que, ata agora, estaba cuberto desde a Administración.

3.      O SLG tamén se oporá a calquera práctica que, por ineficacia ou falta de rigor, deteriore o sistema de identificación.

Para rematar, o SLG critica as declaracións publicadas nos medios de comunicación durante a última semana -provenientes do PSdeG de Castroverde e Palas de Rei, e da propia SEAGA- nas que se afirmaba que o sistema de identificación non tería garantías de trazabilidade nin sanitarias no caso de que se lles permitise ás propias explotacións realizalo. Trátase de acusacións sen ningún tipo de fundamento e faltas da máis mínima ética. Non se pode infundir desconfianza á cidadanía con declaracións deste tipo, xa que a trazabilidade dos produtos cárnicos vai ter as mesmas garantías con independencia de quen lle coloque os crotais ás reses –quer veterinarios, quer os gandeiros e as gandeiras-, xa que as garantías sanitarias se confirman, despois, nos controis e análises que se fan no matadoiro tralo sacrificio dos animais e antes de que a carne chegue á cadea alimentaria.