A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Vacún de Carne>
  5. O SLG expresoulle ao subdirector de Gandería o seu desacordo con privatizar a identificación do gando

O SLG expresoulle ao subdirector de Gandería o seu desacordo con privatizar a identificación do gando

11 de Outubro do 2010

Encontro Cabarcos con Castro-Gil

O secretario de Sectores Gandeiros do Sindicato Labrego Galego, Adolfo Cabarcos, mantivo hoxe, 11 de outubro, un encontro co subdirector de Gandería da Xunta, Manuel Castro-Gil Amigo, para tratar a cuestión dos cambios que vai experimentar o sistema de identificación do gando nos vindeiros meses.

Aínda que o Sindicato Labrego valora positivamente a posibilidade de que sexan os propios gandeiros e as propias gandeiras, a través da Oficina Agraria Virtual, quen realicen o proceso de identificación do gando; Cabarcos amosoulle a súa discrepancia ao subdirector en canto á intención da Consellaría de privatizar o servizo para aquelas explotacións que non teñan acceso a Internet. En palabras do propio Adolfo Cabarcos: “A alternativa de que sexa o propio gandeiro quen identifique os animais, é algo que xa viñamos reclamando de vello dende o Sindicato Labrego é parécenos positiva, pois suporá un aforro de traballo para as explotacións, especialmente para as de tipo extensivo. O que xa non vemos ben é que as explotacións que non teñen Internet, deban pagar por un servizo que, dende o SLG, entendemos que debe ser público e non privado. Tal e como están de castigados os sectores gandeiros, isto vai supor unha carga máis”.

Encontro entre Cabarcos e Castro Gil 

En principio, a intención da Consellaría de Medio Rural é que o servizo de identificación do gando o poidan realizar aqueles colectivos que se dean de alta como “entidades identificadoras”. Todas aquelas explotacións que non poidan acceder a Internet para facer os trámites a través da Oficina Agraria Virtual, deberán pagarlle a unha destas entidades. Segundo os cálculos da Consellaría de Medio Rural, serán o 20% das explotacións gandeiras -entre 10.000 e 15.000- as que recorreran a estas entidades para realizar o servizo de identificación e que, polo tanto, terán que pagar por el. Nembargante, a cifra podería ser moito maior se nos atemos aos datos publicados por un informe da Xunta de Galiza de decembro de 2009 sobre a situación da banda ancha no país. Dito documento revela que o 64% das explotacións gandeiras non teñen acceso á banda ancha; mesmo entre os concellos, que se barallan como principal acceso a Internet daquelas explotacións que non teñen acceso á rede, o 53% carece dunha conexión de suficiente calidade para realizar axeitadamente a súa tarefa administrativa. Diante destes datos, o SLG teme que o custe do servizo para os sectores gandeiros da Galiza poida ser moito maior do previsto pola Consellaría de Medio Rural ao dispararse o número de explotacións que dependerán dunha “entidade identificadora” para realizar o proceso de identificación do gando.

 

 

Ficheiro adxunto