A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Vacún de Carne>
  5. Un recorte de 350.000 euros ameaza as explotacións en zonas desfavorecidas de montaña na Galiza

Un recorte de 350.000 euros ameaza as explotacións en zonas desfavorecidas de montaña na Galiza

8 de Xaneiro do 2013

Rubia Galega

A Consellaría de Medio Rural publicou, o 7 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia, unha orde pola que deixa sen efecto as axudas para o fomento de sistemas de produción de razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos que convocara a finais de 2012. Estas axudas tiñan por obxectivo a renovación do compromiso adquirido por estas explotacións para a cría de gando autóctono, e beneficiaban, sobre todo, a familias gandeiras de zonas desfavorecidas de montaña en Lugo e Ourense que son o único motor económico de amplas zonas do noso rural que, sen esta actividade gandeira, estarían deshabitadas.

A Consellaría de Medio Rural publicou hoxe, 7 de xaneiro, no Diario Oficial de Galicia, unha orde pola que deixa sen efecto as axudas para o fomento de sistemas de produción de razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos que convocara a finais de 2012. Estas axudas tiñan por obxectivo a renovación do compromiso adquirido por estas explotacións para a cría de gando autóctono, e beneficiaban, sobre todo, a familias gandeiras de zonas desfavorecidas de montaña en Lugo e Ourense que son o único motor económico de amplas zonas do noso rural que, sen esta actividade gandeira, estarían deshabitadas.

         A cantidade orzamentada para esta partida ascendía a 350.000 euros financiados a cargo da Administración Xeral do Estado. Como xustificación á anulación destas axudas, a Consellaría de Medio Rural aduce que “a día de hoxe non consta ningún ingreso efectivo polo dito concepto no Tesouro da Xunta de Galicia por parte do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente”, polo que “cómpre deixar sen efecto esta convocatoria de axudas”.

          No contexto actual, no que os custes de produción de todas as actividades gandeiras están sometidos a unha alza imparable, e os prezos en orixe estancados ou á baixa, o meirande das explotacións dependen máis que nunca de axudas públicas coma estas para ter liquidez e uns ingresos suficientes para continuar coa súa actividade. Aínda que estas axudas foron baixando ano a ano, na actualidade unha explotación media dunhas vinte vacas cobraría ao redor de 1.000 euros por este concepto que, trala orde da Consellaría de Medio Rural, quedarán sen ingresar.

         Dende o Sindicato Labrego Galego, apoiaremos xurídica e administrativamente a todos aqueles gandeiros e a todas aquelas gandeiras que, tendo solicitado a axuda, queiran reclamala. A nivel xeral, xa puxemos a traballar á nosa equipa xurídica para que recorra esta anulación. Amais de elaborar o recurso e de prestar asesoramento ás persoas afectadas, dende o SLG condenamos este novo recorte que afonda nas agresións que está a sufrir un dos nosos sectores agrogandeiros máis vulnerables e as formas en que se fixo. Supón un desprezo e unha burla para todo un sector que se convoquen unhas axudas, se obrigue a centos de explotacións a realizar todos os trámites e gastos necesarios para presentarse a elas e, acto seguido, se anule o proceso sen máis escusa que as arbitrarias políticas de axuste do Goberno Central.

 

 

Ficheiro adxunto