A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outros>
  5. COAG e SLG reclaman unha adaptación da normativa hixiénico-sanitaria para facilitar a venda directa de coello

COAG e SLG reclaman unha adaptación da normativa hixiénico-sanitaria para facilitar a venda directa de coello

4 de Febreiro do 2016

Coellos

A Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) e o Sindicato Labrego Galego (SLG) solicitamos do Ministerio de Agricultura e da Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN) a adaptación da normativa hixiénico-sanitaria comunitaria para facilitar a venda directa da carne de coello dos produtores e produtoras aos consumidores e consumidoras.

O sector cunícola atravesa un escenario de descapitalización moi agresivo, caracterizado por unha situación de baixos prezos (por baixo de custes), escaso consumo interno, exceso de oferta e dificultades á hora de dar unha maior saída ao exterior. “A situación de falla de rendibilidade das explotacións fai necesario atopar sistemas de comercialización alternativos que supoñan un valor engadido das producións, como é o caso da venda directa, tal e como se realiza noutros estados comunitarios como Italia, Francia e Bélxica”, subliñou Xosé Luis Santaclara, responsábel do sector cunícola no SLG e COAG.

O Regulamento (CE) No 853/2004 establece normas en materia de hixiene dos alimentos de orixe animal, tanto transformados como sen transformar, pero non se aplica ao subministro directo por parte de produtores e produtoras de pequenas cantidades de carne procedente de aves de curral e lagomorfos. Os estados membros poden adoptar medidas nacionais de adaptación dos requisitos específicos do anexo III deste regulamento.

Apostar por pequenos matadoiros locais e pola venda directa nas granxas

Durante varias xuntanzas bilaterais bilaterais, COAG e SLG solicitamos á AECOSAN e ao MAGRAMA que se autoricen os matadoiros en explotación e uns requisitos máis doados para os matadoiros de pequena capacidade, tal e como acontece en Francia ou Austria. “Desta maneira, facilítaselle ao gandeiro elixir entrambas opcións de sacrificio. Aqueles e aquelas que polas súas circunstancias económicas e/ou pequena produción, non poidan desenvolver o sacrificio na explotación, poderían derivar os seus produtos a pequenos matadoiros locais”, puntualizou Xosé Luís Santaclara.

Moitos destes matadoiros locais estaban activos hai anos, utilizándose para o sacrificio de ganderías da zona e destinando a produción ao seu consumo no entorno rural no que se atopaban. Tralo peche dos mesmos, a poboación rural perdeu o acceso ao mercado de coellos producidos na zona, os cales gozaban dunhas notables calidades organolépticas, como son o frescor e o sabor. a venda directa, en moitos casos, resulta ser a única vía para chegar a certas consumidoras e consumidores, polo xeral residentes no medio rural.

Ademais, COAG e o SLG apostamos pola autorización do despece e procesado, da mesma maneira que en Francia. Deste xeito, os gandeiros e as gandeiras poden participar en maior medida na cadea de valor, sacando unha maior rendibilidade á súa produción. COAG e o SLG propoñemos que este sistema sexa válido para todo tipo de especies cunícolas, se ben consideramos que este modelo deberíase limitar a pequenas ou medianas explotacións, as cales non poden gozar de economías de escala e, polo tanto, a volatilidade do mercado das carnes e das materias primas impáctanlles en maior medida que ás grandes explotacións. En canto ás modalidades de venda, dende COAG e o SLG avogamos polo subministro directo de carne e elaborados de coello ás consumidoras e consumidores finais (podendo realizarse la venda na propia explotación ou en mercados), así como en establecementos de venda ao por menor.

Contra a imposición da comunidade autónoma como límite xeografico

Respecto ao ámbito xeográfico, COAG e SLG consideramos que non se pode limitar a venda á comunidade autónoma na que está domiciliada a explotación, xa que moitos son limítrofes con comunidades veciñas e as súas granxas deberían poder acceder a ese mercado. Ademais, existen comunidades autónomas de grande extensión territorial pero con baixa densidade de poboación, polo que habería que permitir un amplo radio de venda para evitar desigualdades entre as diferentes autonomías.

O sector cunícola non conta con medidas de mercado específicas dentro da Política Agraria Común (PAC). Tanto a Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea como a de Sanidade e Consumo afirmaron que existe unha clara demanda de produtos locais comercializados mediante venda directa, os cales presentan múltiples beneficios dende o punto de vista nutritivo, económico, medioambiental, de cambio climático o de redución do desperdicio alimentario, entre outros, e instan a potenciar e adaptar a normativa hixiénico-sanitaria para favorecer a venda directa de produtos agrarios.