A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outros>
  5. Grandes matadoiros abren granxas de integración e deixan de recoller coello de explotacións independentes

Grandes matadoiros abren granxas de integración e deixan de recoller coello de explotacións independentes

29 de Febreiro do 2016

Concentración cunícola

Tras dous anos con prezos en orixe por baixo de custos, a COAG e o Sindicato Labrego Galego consideramos inadmisible a actuación dos grandes matadoiros que operan no sector cunícola. “Ao tempo que afirman que sobra o 30% da produción de coello para xustificar os baixos prezos, están a abrir granxas de integración e ameazando con deixar de recoller a produción das explotacións independentes. A transparencia na cadea de valor brilla pola súa ausencia. Estamos cansos e cansas de mentiras e de que todo o mundo leve a súa marxe a costa dos produtores e das produtoras”, subliñou Xosé Luís Santaclara, responsábel do sector cunícola de COAG e produtor na Galiza.

No que levamos de 2016, o prezo medio do coello vivo sitúase en torno aos 1,45 €/kg vivo, fronte a un prezo medio de 1,57 €/kg en 2015 e 1,77 €/kg en 2014. Mentres tanto, os custes de produción situáronse de media entre 1,80-1,85 €/kg vivo, “Dende 2014, só houbo 5 meses nos que os prezos estiveron por riba de custes. O resto, vendemos a perdas, o que provocou unha grave falta de liquidez nas explotacións e o peche de centos de granxas”, afirmou Santaclara.
Ademais, a banalización que con frecuencia se fai da carne de coello nos lineais dos supermercados por parte das cadeas de distribución e o gran desequilibrio no reparto de valor ao longo da cadea provocan unha situación extrema para cunicultores e cunicultoras. Da análise do índice de Prezos Orixe e Destino (IPOD) elaborado mensualmente por COAG dedúcese que, mentres os prezos en orixe se reduciron entre 2014 e 2015 en máis dun 11%, o prezo en destino se mantivo practicamente inalterable. Xa que logo, as marxes comerciais ampliáronse, malia a práctica de venda a perdas sufrida por gandeiros e ganedeiras.
Ante a extrema situación, COAG e SLG pedimos ao Ministerio de Agricultura unha reunión urxente para orquestrar un plan de choque que alivie a falta de liquidez das granxas, no que se contemplen axudas directas para os gandeiros e as gandeiras. Ademais, é preciso comprometer ao Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) na compra de carne de coello conxelada dentro do seu programa de axuda alimentaria en vigor, o que permitiría alixeirar o mercado e satisfacer a necesidades de colectivos necesitados na actualidade.