A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outros>
  5. COAG e SLG trasladan ao Ministerio de Agricultura un paquete de medidas para atallar a crise do sector cunícola

COAG e SLG trasladan ao Ministerio de Agricultura un paquete de medidas para atallar a crise do sector cunícola

20 de Xullo do 2016

Concentración cunicola

A Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), da que forma parte o SLG, trasladou hoxe ao Ministerio de Agricultura un documento de propostas para atallar a crise de prezos que padecen os produtores e produtoras de carne de coello dende hai varios meses. As propostas perseguen un dobre obxectivo: mellorar a situación económica das explotacións e favorecer a transparencia no mercado. 

Deste xeito, o SLG continúa coa súa campaña nas institucións para instar aos poderes políticos a poñer en práctica medidas destinadas a solucionar a crise no sector cunícola, como as presentadas na xuntanza mantida coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén Docampo, o pasado 14 de xuño. 

En canto ao documento presentado diante do Ministerio de Agricultura, dende o punto de vista de MELLORA ECONÓMICA, dende o SLG e a COAG propoñemos:

  1. Articulación de axudas directas á produción cunícola, utilizando parte do montante outorgado ao Estado Español no Consello Ministerial de Agricultura da UE celebrado este 18 de xullo. Dende o SLG e COAG apostamos por duplicar o orzamento de 14'66 millóns de euros, cun cofinanciamento por parte do Ministerio de Agricultura até o límite máximo permitido, de tal maneira que se amplíe o orzamento. Estas axudas destinaríanse a aquelas granxas en rexime libre en situación de crise.

  2. Ampliación do prazo de carencia dos avais SAECA. Solicitamos ampliar, polo menos a dous anos, o prazo de carencia fixado na orde que convoca as subvencións para obter avais da Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria (SAECA) por titulares de explotacións agrarias, xa que nunha situación de marxes negativas resulta complicado que se poida recuperar un investimento nun prazo anual.

  3. Autorización do sacrificio na propia explotación e en matadoiros de pequena capacidade: Dende a COAG e o SLG consideramos fundamental, para que os gandeiros e gandeiras do sector cunícola poidan mellorar a súa rendibilidade, que sexan eles mesmos e elas mesmas quen sacrifiquen e comercialicen directamente a súa produción. Deste xeito, poderíase atallar a posición de dominio dos outros elos da cadea e tamén que os gandeiros e as gandeiras puidesen asegurar unha marxe de rendibilidade, favorecendo deste xeito a súa supervivencia. En COAG e no SLG avogamos por que esta medida sexa aplicable a todo tipo de producións cunícolas.

Por outra banda, en aras dunha mellora da transparencia ao longo de toda a cadea de valor da carne de coello, dende COAG propóñense unha serie de INICIATIVAS que non supoñen ás penas custe económico para as arcas públicas:

  1. Obriga aos matadoiros para que informe sobre os stocks cos que contan, en liña co que se esixe noutros sectores coma o do aceite de oliva, o viño ou o arroz, de tal maneira que o gandeiro ou a gandeira poidan coñecer a verdadeira situación do mercado.

  2. Elaboración por parte do Ministerio de Agricultura dun índice de referenciación de prezos que teña en conta distintos parámetros que inflúen no mercado cunícola, tales como o prezo dos pensos, nivel de stocks, consumo, etc.

Mobilización fronte ao matadoiro do grupo Hermi en Valladolid

O sector cunícola de COAG e do SLG participará na mobilización prevista o vindeiro 27 de xullo diante do matadoiro do grupo Hermi en Valladolid (1 de cada 4 coellos que se sacrifican en España pasan polas súas instalacións) para denunciar as prácticas comerciais abusivas deste grupo, que están abocando ao peche a centos de explotacións cunícolas independentes.

Concentración cunícola